UUAA PIDE UN BAREMO ACTUALIZADO DAS AXUDAS PARA O GANDO BOVINO ANTE POSIBLES GROMOS INFECIOSOS NAS GRANXAS

Na actual situación de mercado as indemnizacións quedan moi desfasadas

Santiago, 2 de decembro de 2025.- Unións Agrarias, advirte da falta de homoxeneidade nos baremos de indemnizacións previstas para o gando bovino no caso de producirse gromos de enfermidades contaxiosas. Para a organización a actual situación do mercado da bovino, con prezos á alza, obriga a que as partidas destinadas a compensar as perdas nas granxas en caso de verse obrigadas a un baleirado sanitario sexan revisadas, actualizadas e equilibradas.

Como Unións Agrarias ven denunciando desde hai meses, non ten sentido que un gandeiro reciba máis de 4.100 euros se o lobo lle mata unha vaca de leite e que tan só perciba 1.600 se o mesmo animal é sacrificado por un positivo en Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Unha contía que non alcanza os 500 euros de media no caso de que o contaxio sexa de tuberculose nunha campaña de saneamento gandeiro.

Ante a ameaza de dermatose nodular contaxiosa, a organización considdera necesario que a Consellería do Medio Rural se anticipe e deseñe unha batería normativa con orzamento suficiente para que, no caso de ser necesario, os titulares de explotación reciban de xeito áxil unha compensación xusta que cubra tanto o sacrificio como o lucro cesante e a reposición. UUAA non busca crear alarma, tan só incidir na necesidade de uniformar as valoracións por perda de animais para que as granxas teñan axudas equilibradas e adecuadas ao valor real de mercado.

Na actualidade a reposición de gando nas explotacións resulta moi complexa dado que o mercado está moi tensionado pola escaseza de animais para recría, ao punto de que as xovencas preñadas de gando de carne nos últimos anos duplicaron o seu prezo ata acadar máis de 3.000 €; mentres que no caso das de aptitude leiteira o incremento foi dun terzo do seu prezo, superando os 3.500 €.

Do mesmo xeito, as cotizacións da carne atópanse neste momento en máximos, o que suporía unhas perdas por lucro cesante moi elevadas no caso de producirse un contaxio por dermatose.