UNIÓNS AGRARIAS SOLICITA UN PLAN ESPECIAL DE CONTROL DO XABARIL NAS COMARCAS DE MAIOR CONCENTRACIÓN DE GRANXAS DE PORCINO

Así o solicitou na xuntanza mantida esta mañá coas conselleiras de Medio Ambiente e Medio Rural para abordar o risco da peste porcina africana

Unións Agrarias solicita a posta en marcha dun Plan especial de control do xabaril nas zonas de Galicia cunha maior concentración de granxas de porcino. Así o reclamou hoxe nunha xuntanza coas conselleiras de Medio Ambiente e Medio Rural da Xunta de Galicia, na que a organización destacou a necesidade de actuar con anticipación para minimizar riscos para evitar que o gromo de peste porcina africana detectado en Barcelona poida chegar a Galicia.

Uníons Agrarias ve necesario actuar con premura para evitar que o gromo de peste porcina localizado en Cataluña poida ter consecuencias para os produtores de carne de porco galegos. Un sector moi profesionalizado que integran 2.500 granxas e que aporta 5.000 empregos e 750 millóns de euros en venda anual de produtos cárnicos.

Unións Agrarias destaca o imprescindible papel que a caza social ven desempeñando no control das poboacións de xabaril. Non obstante, a organización apunta a caída drástica das licenzas de caza en activo, que pasaron das case 100.000 existentes no ano 200 a apenas 30.000 hoxe en día; así como ao aumento dos accidentes de tráfico e das hectáreas de cultivo que cada ano destroza esta especie. Datos que, tal e como a organización leva tempo aseverando, evidencian que o importantísimo esforzo realizado por tecores e sociedades de caza está resultando insuficiente para o control das poboacións de xabaril en Galicia.

Unións Agrarias entende que, ante unha ameaza de sanidade animal como a que enfrontamos danse as circusntancas para poñer en marcha un plan de redución substancial do xabaril con medios complementarios aos da caza social que permita acadar un número de xabarís que faga posible reducir os retirados danos, así como o gasto que estes implican, tanto para o sector produtor como para a propia administración.

A organización tamén aproveitou a xuntanza para lembrar a necesidade de actualizar os baremos de valoración que a administración empregaría para subvencionar ás explotacións no caso de que a doenza chegase ás granxas galegas. E é que o valor desas compensacións leva sen revisarse dende 1987, atopándose totalmente desafasado.