UNIÓNS AGRARIAS SOLICITA MEDIDAS EXCEPCIONAIS COMPLEMENTARIAS Á CAZA SOCIAL PARA REDUCIR O RISCO DE PESTE PORCINA

Pídelle á Xunta que complemente a actividade dos tecores con cuadrillas profesionais e gaiolas de grandes dimensións

Santiago, 9 de decembro de 2025.- Unións Agrarias-UPA insta á Xunta a dar un paso á fronte para complementar o papel que a caza social ven desenvolvendo no control do xabaril. Ante a ameza da peste porcina africana e as devastadoras consecuencias que esta podería ter para o sector produtor, a organización agrogandeira ve indispensable que a administración impulse medidas extraordinarias nas comarcas de maior concentración de explotacións.

Unións Agrarias ven de solicitar á Xunta de Galicia o deseño dun Plan especial para o control das poboacións de xabaril en Galicia. En vista do aumento dos accidentes e dos partes por danos e cultivos, a organización considera indispensable actuar sen demora para poñer couto aos danos causados por esta especie e evitar que a PPA chegue á Comunidade. Datos que, a falta dun censo oficial, corroboran unha expansión das poboacións existentes.

A organización aproveitou a xuntanza do Grupo de Traballo sobre o Xabaril convocado este martes pola Consellería de Medio Ambiente para solicitarlle á administración actuacións que permitan diminuír a densidade de xabarís nas zonas de maior concentración de granxas de porcino, así como nas inmediacións das explotacións de porco celta. “É necesario comezar porque a Xunta estableza cal é a densidade de xabarís que é necesario acadar para minimizar riscos”, asevera Unións Agrarias; que avoga pola posta en funcionamento de cuadrillas profesionais e pola instalación de gaiolas de grandes dimensións, capaces de capturar grupos familiares enteiros, para acadar ese obxectivo.

Alén diso, a organización agrogandeira solicita que se actúe para reforzar a bioseguridade nas explotacións de porco celta, máis vulnerables. Nese eido, Unións Agrarias reclama que se revisen os protocolos existentes e que se valore a necesidade de implementar novas medidas, acompañadas sempre dunha partida orzamentaria para axudar ás explotacións a facerlles fronte.

O sector produtor de carne de porcino factura ao ano 25.000 millóns de euros no conxunto de España; 750 deles en Galicia; e supón o 2,4% das exportacións estatais por valor de 9.000 millóns de euros. Cifras que lle conceden ao noso país un papel líder a nivel europeo, acadado logo de que a aparición da PPA en Alemaña e Polonia, precisamente na cabana de xabarís, levara por diante a actividade neses países, que aínda non se recuperou ao terse convertido en endémica a doenza. Nese senso, a organización fai un chamamento á responsabilidade e á premura e insta a tomar nota e actuar coa máxima rapidez.

Unións Agrarias lembra que, segundo os datos presentados hoxe, a declaración da emerxencia cinexética supuxo apenas o 1,6% das capturas de xabaril no último ano. Datos que evidencian o limitado alcance dunha medida que de ningún xeito pode centrar o plan de acción da Xunta de Galicia ante o risco de transmisión da peste porcina africana.