UUAA DENUNCIA O BLOQUEO NA XESTIÓN POR FALTA DE PERSOAL NA DELEGACIÓN DE MEDIO RURAL EN OURENSE

As demoras chegan a 6 meses nas solicitudes de arranque de viñedo

Ourense, 15 de decembro.- Unións Agrarias denuncia o bloqueo da tramitación administrativa na Delegación da Consellería de Medio Rural en Ourense. A falta de persoal está a provocar graves atrancos para as explotacións vitícolas dunha provincia que atesoura 4 das 5 Denominacións de Orixe de viño de Galicia.

Os produtores ourensáns estanse atopando con serias dificultades á hora de tramitar permisos de arranque de viñedo ou de plantación de novas zonas de traballo. A falta de funcionarios está a atrasar eses trámites 4 meses de media, podendo chegar nalgúns casos aos 6 meses; o que fai completamente inviable unha mínima programación na actividade das explotacións.

A falta de solucións efectivas está a levar a que viticultores ourensáns teñan que tramitar fóra de Galicia os arranques de viñedo e a mercar dereitos de plantación en Castela e León ou na Mancha. Así, desde a organización solicítase á Xunta de Galicia que se cubran as prazas de persoal que están sen dotar para evitar os colapsos administrativos na delegación de Ourense.

Unións Agrarias lembra que a  produción de uva en Ourense ven sendo unha das últimas actividades agrarias que xestionan o territorio na provincia, toda vez que xa non existe apenas produción de leite, e a de carne diminúe ano a ano. Así como a actividade forestal, que apenas supón o 5% do conxunto de Galicia. Así as cousas, a organización lembra que é fundamental coidar a produción de uva e a rendibilidade destas explotacións de cara ao futuro inmediato para evitar o abandono e axudar así na prevención do lume e a protección do territorio.