Unións Agrarias-UPA participou hoxe na manifestación convocada en Bruxelas contra o recorte orzamentario previsto para a PAC, en rexeitamento aos acordos de libre comercio lesivos para o sector produtor e por unha simplificación normativa que reduza a carga burocrática sobre agricultores e gandeiros.
A voz do sector produtor galego sumouse hoxe á dos agricultores e gandeiros dos distintos países de Europa para esixirlle á Comisión o mantemento dun apoio decidido ao sector produtor. A convocatoria, impulsada polas organizacións e cooperativas de COPA-COGECA, serviu para poñer de manifesto o alto grao de malestar existente ante as pretensións de recortar o orzamento da Política Agraria Comunitaria. Unha medida que, alén de supoñer unha importantísima redución de fondos, supón un desmantelamento desta política que inevitablemente xerará desigualdades entre os agricultores e gandeiros duns e outros países da Unión.
Unións Agrarias advirte que a redución dun 25% do orzamento PAC que Europa pon sobre a mesa suporía recortes á capacidade de Galicia para manter investimentos esenciais para a rendabilidade e a superviviencia de agricultores e gandeiros e o futuro do medio rural como son as axudas agroambientais e as destinadas a zonas con limitacións naturais, a produción en ecolóxico, modernización de explotacións, incorporación de mozos ou prevención de lumes e actividade forestal.
Asímesmo, Unións Agrarias ve pouco claros e eficaces os mecanismos aprobados o pasado 8 de outubro pola Comisión para introducir cláusulas de salvagarda para os produtos agrícolas máis sensibles no novo marco de relación entre a UE e MERCOSUR. Así, a organización lembra que en provincias como Lugo ou Ourense a gandería de carne ten un carácter estratéxico porque supón o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. E destaca o imprescindible papel que realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes.
Finalmente Unións Agrarias denuncia a tremenda complexidade que a tramitación da PAC representa para o sector produtor galego. A pesar de que ano tras ano se fala da vontade de simplificar esta política, a realidade demostra que esta segue a ter un difícil encaixe coa realidade do campo galego. Así as cousas, Unións Agrarias solicita a articulacion dun eco-rexime que se adapte á realidade e ás necesidades da cornixa cantábrica, que permita fixar poboación, frear o peche de explotacións e o abandono e garantir e recoñecer o labor de xestión medioambiental que o sector produtor desempeña.









