UNIÓNS AGRARIAS DENUNCIA O BLOQUEO NA XESTIÓN POR FALTA DE PERSOAL NA DELEGACIÓN DE MEDIO RURAL EN PONTEVEDRA

As demoras chegan a 6 meses nas solicitudes de arranque de viñedo

Pontevedra, 23 de decembro.- Unións Agrarias denuncia o bloqueo na tramitación administrativa que está a producirse na Delegación da Consellería de Medio Rural en Pontevedra. Unha situación provocada pola falta de persoal que está a ocasionar graves atrancos para as explotacións da provincia.

A falta de funcionarios suficientes para atender a delegación provincial de Medio Rural está a causar atrasos de entre 4 e 6 meses. Ese é o prazo que deben agardar os produtores para impulsar tarefas ordinarias como o arranque de viñedo ou a plantación de novas zonas de traballo. Un atraso inxustificable que está a bloquear o normal desenvolvemento da actividade das explotacións e imposibilitando unha mínima programación da mesma. 

A falta de solucións efectivas por parte da administración autonómica está a levar a que viticultores de Pontevedra teñan que tramitar fóra de Galicia os arranques de viñedo e mercar dereitos de plantación en Castela e León ou na Mancha. Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a cubrir as prazas están sen dotar de persoal suficiente para evitar os colapsos administrativos.