UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA UNHA APLICACIÓN RESPONSABLE DO ACORDO UE-MERCOSUR PARA PROTEXER Á GANDERÍA E AO SECTOR AGROALIMENTARIO GALEGO

Solicita a posta en marcha de medidas efectivas para evitar impactos críticos no sector produtor

Santiago, 13 de xaneiro de 2026.- Unións Agrarias-UPA esixe unha aplicación responsable e rigorosa do acordo comercial acadado entre a UE e o MERCOSUR. A organización agrogandeira considera que o pacto abre un novo escenario que debe ser abordado con rigor, responsabilidade e firmeza política. E insta a actuar e activar medidas efectivas para evitar que o novo escenario supoña un perxuízo para a gandería e o sector agroalimentario galego no seu conxunto.

Unións Agrarias comparte a preocupación existente no sector gandeiro galego en relación ao acordo UE–Mercosur e considera que os riscos que este introduce non poden ser ignorados nin minimizados.  Porén, máis aló do texto do acordo, a organización entende que o impacto do mesmo sobre a actividade agrogandeira en Galicia dependerá do papel que a institucións europeas, estatais e autonómicas adopten á hora de aplicalo e velar polos intereses do sector produtor local.  

Unións Agrarias insta á Comisión Europea, ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia a impulsar unha estratexia clara de aplicación responsable do acordo UE–Mercosur. Así, reclama controis efectivos en fronteira e inspeccións en orixe que garantan unha reciprocidade real nos estándares sanitarios, ambientais e de benestar animal, para que non accedan ao mercado europeo produtos producidos baixo condicións que non serían legais na Unión Europea. A organización  lembra que sen unha aplicación estrita destas garantías, o acordo suporía un risco certo para a renda das explotacións gandeiras galegas, polo que calquera incumprimento debe levar aparelladas sancións efectivas e disuasorias aos importadores, e deberá ter consecuencias claras sobre a aplicación das preferencias arancelarias.

Ao mesmo tempo, a organización agraria considera imprescindible reforzar a demanda interna como piar de estabilidade do sector gandeiro galego. A diferenciación por calidade, orixe, trazabilidade e sustentabilidade —a través das figuras de calidade, políticas activas de promoción, un etiquetado claro da orixe e a compra pública alimentaria— é unha ferramenta clave para reducir a substituibilidade do produto e mellorar a posición negociadora das nosos produtores.

Unións Agrarias lembra, finalmente, que o sector primario galego, como parte da UE desenvolve a súa actividade nun contexto económico aberto e interdependente, no que Galicia exportou en 2024 cara a UE e terceiros países, por valor de 4.448 millóns de euros, casi un de cada catro euros xerados pola súa cadea de valor agroalimentaria, competindo con éxito en mercados exteriores, con importantes volumes de exportación de produtos lácteos, carne de vacún, porcino e producións vitícolas.

Finalmente, e nun momento no que se están a mesturar distintas reivindicacións nas mobilizacións do sector, Unións Agrarias quere deixar clara a súa posición respecto ao futuro da Política Agraria Común; unha política que representa o principal instrumento de defensa da agricultura e da gandería europeas fronte á volatilidade dos mercados e ás esixencias que a propia UE impón aos seus produtores.

Unións Agrarias  lembra que a PAC en Galicia segue sendo un piar fundamental da renda agraria, con aproximadamente 1.900 millóns de euros para o periodo 2021-2027, repartidos en 1.300 millóns de pagos directos do FEAGA, e 600 millóns do FEADER, que supoñen o 7,5 % das rendas no leite e máis do 30 % na carne en extensivo. A maiores, entre o 40 % e o 70 % de calquera investimento ou mellora nas explotacións finánciase con fondos europeos a través dos Plans de incorporación de mozos e plans de mellora. Así, Unións Agrarias reitera o seu compromiso coa defensa dunha PAC forte para o próximo período de programación, sen recortes e reforzada como principal ferramenta europea de estabilidade, cohesión territorial e seguridade alimentaria.

CONSULTA AQUÍ O DOCUMENTO COMPLETO SOBRE O POSICIONAMENTO E AS MEDIDAS RECLAMADAS POR UNIÓNS AGRARIAS