Unións Agrarias-UPA valora positivamente a decisión do Parlamento Europeo de solicitar un ditame ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, algo que tamén levabamos tempo reclamando. Nun acordo tan importante como o UE–Mercosur, poñer o proceso baixo control xurídico non só é razoable, é imprescindible.
Estamos a falar dun acordo de enorme alcance, con consecuencias directas sobre sectores clave, e moi especialmente sobre a agricultura e a gandería. Por iso insistimos en que aclarar as dúbidas xurídicas antes de seguir adiante non é poñer paus nas rodas, senón actuar con responsabilidade. A seguridade xurídica é unha garantía para todos, non un obstáculo.
Para a organización, con esta decisión ábrese unha fase de espera no proceso de ratificación. Espera que durará ata que o Tribunal emita o seu ditame: un proceso que pode levar tempo, pero cuxo resultado será vinculante desde o momento en que se coñeza.
Cómpre explicar que ese ditame pode ter distintos efectos: desde frear o acordo tal e como está, ata permitir que siga adiante pero con cambios e condicións. O que está claro é que, unha vez se emita, marcará obrigatoriamente o camiño a seguir e condicionará as decisións das institucións europeas.
Unións Agrarias lembra que, logo da votación deste mércores no Parlamento Europeo, o único que se frea e a ratificación definitiva do acordo, pero non a aplicación, aínda que provisional, do mesmo. Esa aplicación provisional, que pode decidir o Consello da Unión Europea, faría que partes do acordo entrasen en vigor na práctica, sen ratificación parlamentaria e sen ditame xurídico. E iso supón un risco evidente de inseguridade, especialmente para os sectores máis expostos.
Así as cousas, Unións Agrarias lembra que agora o Parlamento Europeo debe decidir se dá un paso máis e adopta medidas para evitar que o acordo se aplique provisionalmente mentres non exista unha base xurídica clara e definitiva.
A organización anuncia o seu compromiso firme de seguir traballando durante este período de espera, en contacto cos sectores máis afectados. O noso obxectivo é claro: se este acordo acaba avanzando cara á ratificación, debe facelo con garantías reais, con regras claras e con mecanismos de control efectivos. Porque non se pode aplicar un acordo destas dimensións sen seguridade xurídica para o sector agrario. E iso require traballo, non consignas simples.


