UNIÓNS AGRARIAS ESIXE A ACTUALIZACIÓN E HOMOXENEIZACIÓN DAS INDEMNIZACIÓNS POR BAIXA DE ANIMAIS

A organización reclama que a valoración sexa igual en todo o territorio estatal e que deixen de facerse diferencias dependendo da causa da morte

Santiago, 24 de xaneiro de 2026.- Unións Agrarias-UPA insta ás administracións a actualizar os baremos das indemnizacións destinadas a cubrir as baixas de gando bovino en caso de gromos infecciosos e a rematar coas diferencias que ata o de agora veñen existindo, tanto entre Comunidades Autónomas como dependendo de se a morte se produce por unha ou outro doenza, ou a causa dun ataque de lobo. A organización fai un chamamento para que goberno central e autonómico vaian da man para rematar coas desigualdades existentes e garantir un trato análogo ao sector produtor afectado.

Como Unións Agrarias ven denunciando desde hai meses, non ten sentido que un gandeiro galego reciba máis de 4.100 euros se o lobo lle mata unha vaca de leite e que a axuda sexa de 1.600 se o mesmo animal é sacrificado por un positivo en Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Unha contía que non alcanza os 500 euros de media no caso de que o contaxio sexa de tuberculose nunha campaña de saneamento gandeiro.

Logo de que Cataluña publicase as táboas de valoración que aplicará nos casos de positivos por dermatose nodular contaxiosa, Unións Agrarias pon o foco no desfase existente e insta a homoxeneizar contías e a actuar con previsión suficiente para que ningunha explotación quede atrás. Así, as contías aprobadas por esa Comunidade poden acadar os 4.231 € par vacas de leite e os 3.911 para as de carne afectadas por esta doenza.

A actual situación do mercado de bovino, con prezos á alza, obriga a que as partidas destinadas a compensar as perdas nas granxas en caso de verse obrigadas a un baleirado sanitario sexan revisadas, actualizadas e equilibradas. Así o entende Unións Agrarias, que insta a Xunta de Galicia e Ministerio a ir da man para garantir que as contías que reciban as gandeiras e gandeiros galegos permitan a reposición da cabana gandeira en caso de afectación, cubran o valor actual de mercado dos animais e teñan en conta o lucro cesante. E que en ningún caso queden por detrás das aplicadas noutras Comunidades Autónomas.

Se ben ata o de agora Galicia non ten rexistrado ningún caso de dermatose nodular contaxiosa, a organización considera necesario que a Consellería do Medio Rural se anticipe e deseñe unha batería normativa con orzamento suficiente para que, no caso de ser necesario, os titulares de explotación reciban de xeito áxil unha compensación xusta, que cubra tanto o sacrificio como o lucro cesante e a reposición.

Asimesmo, Unións Agrarias pon o foco na necesidade de que dende as administracións se promova a procura dunha vacina marcada para a dermatose. Así como en que se modifique o método de sacrificio dos animais das granxas afectadas por esta doenza, pois resulta intolerable que sexan as explotacións as que teñan que asumir ese trámite nas súas propias instalacións.

Na actualidade a reposición de gando nas explotacións resulta moi complexa, dado que o mercado está moi tensionado pola escaseza de animais para recría, ao punto de que nos últimos anos as xovencas preñadas de gando de carne duplicaron o seu prezo ata acadar máis de 3.000 €; mentres que no caso das de aptitude leiteira o incremento foi dun terzo do seu prezo, superando os 3.500 €.

Do mesmo xeito, as cotizacións da carne atópanse neste momento en máximos, o que suporía unhas perdas por lucro cesante moi elevadas no caso de producirse un contaxio por dermatose.