Santiago, 30 de xaneiro de 2026.- Unións Agrarias vén de poñer en coñecemento da Consellería de Medio Rural a preocupación de moitos produtores galegos ante as crecentes limitacións burocráticas do Ministerio de Agricultura a cesión de terras entre particulares en réxime de arrendamento. Ata o de agora a obrigatoriedade que fixaba o Real Decreto 1048/2022 de identificar co NIF o arrendador nos contratos que afectaran a mais dunha hectárea, estaba cuberta pola existencia dun rexistro autonómico de parcelas que impedía o fraude na percepción de axudas da PAC. Esta excepción foi derrogada en novembro de 2025 polo Real Decreto 1039/2025, do 19 de novembro, no que se modifica o Real Decreto 251/2024, do 12 de marzo, que establece as bases reguladoras das subvencións destinadas ao sector agroalimentario e forestal, no marco do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común 2023-2027.
Desde a organización estímase que a nova esixencia terá un impacto moi desfavorable en Galicia tanto pola distribución da terra, caracterizada por numerosos propietarios e complexas herdanzas sen regularizar e con herdeiros de familiares emigrados a América hai décadas, como pola desconfianza dos propietarios de que o seu NIF figure nunha declaración da PAC dos agricultores aos que ceden as parcelas en precario, a condición de que as manteñan en boas condicións e aforrarse os gastos de roza para o cumprimento da lexislación de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Todo isto fai prever que na presente campaña redúzase a superficie declarada na solicitude única por non arriscarse a posibles penalizacións por non poder acreditar convenientemente o NIF do titular catastral das parcelas, o que supoñerá perda de capacidade produtiva das explotacións por redución da súa superficie forraxeira ou superficie de cultivo e consecuentemente a redución dos ingresos das explotacións por perda de axudas da PAC.
En definitiva, o novo requisito vai en contra da simplificación administrativa anunciada e implicará un atraso na campaña de presentación de solicitudes: tanto polo feito de ter que cumprimentar o novo campo NIF en cada unha das liñas de declaración dos recintos superiores a 1 hectárea, como polo feito de que os tramitadores terán que deixar solicitudes sen finalizar mentres a persoa solicitante pide a información dos NIF dos titulares catastrais. O atraso na campaña de solicitude reducirá o prazo que as autoridades de xestión teñen para realizar os controis e imposibilitará a realización do anticipo das axudas para partir do 16 de outubro.


