Un mínimo de 125 millóns de euros ao ano. É o que as industrias lácteas pretenden aforrar a costa dos produtores galegos recorrendo á vella e coñecida estratexia: forzar prezos á baixa en orixe de maneira arbitraria, sen ter en conta os custos de produción das granxas e condenando ás de menor capacidade produtiva a unha perda de rendabilidade que podería condenar ás explotacións máis pequenas ao peche.
As ofertas para a renovación de contratos de abastecemento que as indutrias lácteas están remitindo aos produtores e produtoras galegos teñen feito saltar as alarmas. O malestar no sector é alto e xeralizado por unhas propostas que, sen excepción, contemplan baixadas no prezo do leite. No «mellor» dos casos o recorte que as industrias poñen enriba da mesa é de 3 céntimos por litro, podendo chegar ata os 9 e mesmo ata os 11 céntimos. Uns recortes que suporían unha baixada de ingresos entre 125 e 275 millóns de euros anuais para as gandeiras e gandeiros galegos.
Logo dunha etapa de mellora no sector, as propostas de renovación de contratos que as industrias veñen de poñer enriba da mesa teñen sentado como un uténtico xerro de auga fría. Unións Agrarias lamenta unha actitude que chega cando no seo da InLac se aborda a elaboración dun plan estratéxico e cando as mesmas industrias que agora pretenden volver forzar unha baixada xeralizada no prezo do leite falan da necesidade de facer fronte común co sector produtor para garantir a viabilidade e o futuro do lácteo. Algo esencial nun país que produce apenas o 70% do leite que consume e no que, tal e como lembra a organización agrogandeira, un peche masivo de granxas tería repercusións tamén para as industrias que recollen, envasan e venden leite dentro das nosas fronteiras.
«Estannos tomando o pelo, e este non é o camiño», asevera a orgnización agrogandeira, que lembra o impacto dunha estratexia que vai alén do socioeconómico: «a sociedade non pode permitirse o custo medioambiental que supón o abandono e a redución de actividade agrogandeira».
O feito de que non haxa ningunha industria que se desmarque dese intento xeralizado de redución de prezos fai pensar nunha posible estratexia que Unións Agrarias non vai pasar por alto. Unha situación ante a que a organización agrogandeira pon en aviso tanto á Xunta como ao Ministerio e en relción á cal pedirá a intervención e a actuación tanto da AICA como da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia. «Estamos ante un fraude de lei, porque están lanzando ofertas imposibles de consolidar e están a facer que a obriga legal de enviar esas ofertas con dous meses de antelación se convirta nun instrumento para modificar as dinámicas do sector», asevera Unións Agrarias, que solicita a intervención das administracións e sinala a necesidade de impulsar unha modificación lexislativa para que as ofertas teñan visos de realidade e non sirvan para distorsionar.
Tras a desaparición de 555 explotacións en España no último ano, 314 delas en Galicia, a día de hoxe no conxunto do estado resisten menos de 9.000 granxas de leite; menos de 5.000 na nosa Comunidade. Unha tendencia preocupante que cómpre frear.
No último ano os gandeiros e gandeiras galegos cobraron 2,7 céntimos menos por litro de leite que os do resto do estado, o que supón 83 millóns de euros que debían ter percibido as granxas e que, sen embargo, se embolsaron as industrias por leite de maior calidade que a media.


