UUAA VALORA POSITIVAMENTE A APROBACIÓN DO MECANISMO DE SALVAGARDA AGRÍCOLA UE–MERCOSUR

A organización destaca que a presión do sector nas pasadas mobilizacións de Bruxelas con propostas verificables deu resultados, pero lembra que aínda faltan por desenvolver garantías clave (transparencia, controis e dimensión territorial)

Unións Agrarias (UUAA) valora positivamente o resultado a votación de hoxe do Parlamento Europeo sobre o Regulamento que desenvolve o mecanismo de salvagarda bilateral para produtos agrarios vinculado a Mercosur. UUAA subliña que non se trata da ratificación do acordo polo PE, que terá que esperar ó dictame do TJUE, senón dun instrumento técnico destinado a reaccionar con rapidez se se producen distorsións de mercado que prexudiquen aos productores europeos na aplicación do acordo Mercosur.

O texto aprobado incorpora melloras relevantes para que a salvagarda sexa utilizable na práctica, especialmente en produtos sensibles (no caso de interese para Galicia vacún, aves, porcino, lácteos, mel e millo): criterios máis obxectivos para detectar tensións en volumes e prezos, procedementos máis áxiles e prazos que permiten actuar antes de que o dano sexa irreversible (medidas provisionais, vía urxente e decisión final en prazos compatibles coa dinámica do mercado).

En concreto, para estes produtos sensibles establécense referencias obxectivas coñecidas como “umbral 5%/5%”: considerarase indicio suficiente para activar o procedemento cando as importacións aumenten máis dun 5% respecto da media dos últimos 3 anos e, ao mesmo tempo, o prezo medio de importación estea polo menos un 5% por debaixo do prezo interno comparable. Tamén se contempla como sinal de alerta que o prezo medio de importación caia máis dun 5% respecto da media trianual, mantendo esa subcotización fronte ao mercado da UE e inclúense de forma explícita indicadores clave como os prezos, as vendas, a produción ou o emprego, o que permitirá unha avaliación moito máis realista do impacto das importacións. Finalmente, refórzase o sistema de seguemento e vixilancia, cunha monitorización continua por parte da Comisión das importacións de produtos sensibles, ampliable a outros produtos, e a presentación de informes como máximo cada seis meses.

UUAA destaca que a proposta de “umbral 5%/5%” aprobada hoxe, foi unha das demandas defendidas polo sector en mobilizacións europeas recentes —incluída a mobilización de Bruxelas de decembro de 2025— destacando que cando hai unha axenda de negociación concreta, con indicadores e prazos, pódense obter resultados.

Dito isto, UUAA lembra que co Regulamento de salvagardas hoxe aprobado, o paquete de garantías non está completo. Seguen sendo necesarias melloras para que o sistema funcione con plena credibilidade:

  • Transparencia e trazabilidade do expediente de investigación (calendario público, metodoloxía).
  • Actuar ou explicar: cando existan sinais obxectivas de distorsión (por volumes e/ou prezos) e se solicite formalmente a activación da salvagarda, a Comisión Europea deberá actuar en prazo ou, no caso de non facelo, xustificar por escrito a súa decisión, comunicala ao Estado membro solicitante e publicala, indicando os datos empregados e os motivos técnicos e xurídicos.
  • Recoñecemento operativo do impacto territorial, para poder actuar cando o dano alcance o umbral de estudo ou impacto a nivel de Estado Membro, ou incluso Rexión especialmente produtora dalgunha das producións consideradas sensibles no acordo.
  • Controis efectivos e condicionalidade real nas importacións preferenciais: sen verificación do cumplimento de cláusulas espello e normativa medioambiental e fitosanitaria, e de benestar animal,  e consecuencias ante incumprimentos, non hai competencia leal.

En Galicia, os sectores que requiren seguimento reforzado pola súa sensibilidade a prezos e entradas son vacún, aves, porcino, lácteos, e mel. UUAA solicita ao Goberno de España e á REPER un protocolo operativo que permita elevar solicitudes de salvagarda con datos estandarizados e en prazos útiles. Asemade, é imprescindible levar a cabo unha campaña de etiquetado claro no que se prime a información sobre a orixe para que o consumidor poida realizar unha compra informada.