Todas as gandeiras e gandeiros que venderan leite entre 2000 e 2013 teñen dereito reclamar o diferencial entre o que cobraron e o que deberan ter ingresado de non ser polo pacto ilícito acadado entre as indutrias para manter o prezo do leite anormalmente baixo neses anos. A resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que dictaminou que o prazo de prescrición non comezará a contar ata que a resolución da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia sexa firme, abre a porta para que os produtores afectados que non teñan dado aínda o paso poidan reclamar. Unha posibilidadade ante a que Unións Agrarias-UPA anima a actuar, máis aínda en vista das sentenzas favorables que xa foron acadadas en relación a este caso.
As resolucións firmes emitidas polo xulgados de Barcelona, Madrid, Granada e Toledo nos que se levan dirimido demandas relacionadas co cártel do leite ratifican a veracidade do que se viña demandando e reclamando: constatan que non hai prescripción, así como a comisión do delito que xa no seu día sancionou a CNMC. Queda así desmontada a liña de defensa que as industrias viñan mantendo nestes últimos anos, baseada fundamentalmente no suposto se que o delicto tiña prescrito. E difumínse definitivamente as dúbidas que puideran existir sobre a posibilidade de que novos afectados se sumasen á reclamación.
Ante este escenario, tanto Unións Agrarias como Eskariam, o bufete de avogados co que a organización agrogandeira colabora para impulsar o inxente traballo que supoñen as máis de 6.000 demandas xestionadas neste momento, abren unha nova etapa na que confían en conseguir que tanto os afectados aos que xa representan como os que puideran vir poidan recuperar o que lles correponde.
A única incógnita que neste momento persiste está no montante do dano a indemnizar. E é que as sentenzas emitidas realizan valoracións dispares, que oscilan entre o 2 e o 9,4%. En calquera caso, falamos de cifras millonarias que, só nos casos que está a levar Unións Agrarias, superarían os 600 millóns de euros de indemnización.
Unións Agrarias lembra que a responsabilidade é solidaria, e que os gandeiros teñen dereito a reclamar e a que se lle resarza o dano independentemente de que entregaran leite ás industrias sancionadas pola CNMC ou a outras diferentes, pois ten quedado acreditado que os beneficios do pacto ilícito foron para todas por igual.
No período de afectación do cártel do leite en Galicia había máis de 35.000 gandeiros en activo; preto de 56.000 no conxunto de España. Porén ata o de agora apenas teñen reclamado 1 de cada 4.
A organización confía en que, máis aló dos resultados do procedemento xudicial, este sirva para sentar as bases dunhas relacións máis xustas e que garantan a viabilidade do sector produtor e da industria láctea no noso país. «Esperamos ser capaces de reconducir a situación, pois novamente vemos que están tentando forzar prezos á baixa, e que os contratos do leite por fin sexan froito dunha negociación en igualdade».


