Unións Agrarias, Xunta de Galicia e ASAGA asinaron este xoves unha declaración conxunta para demandar unha aplicación práctica do acordo UE-MERCOSUR reforzada, segura e coas máximas garantías para o sector produtor galego. O goberno autonómico fai súas as esixencias e os plantexamentos que a organización agrogandeira leva semanas expoñendo, e sumará forzas para garantir unha aplicación áxil e realmente efectiva das cláusulas de salvagarda contempladas, así como a máxima seguridade á hora de velar porque as producións importadas cumpran coas mesmas condicións que se esixen aos agricultores e gandeiros europeos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participaron nunha xuntanza de traballo da que sae un documento con propostas claras e concretas. Así, o goberno galego comprometeuse a trasladar tanto ao Ministerio como ás institucións europeas as demandas do Galicia para que as condicións aprobadas para velar pola seguridade dos produtores locais no que ten que ver coa entrada en vigor do acordo co Mercosur non queden en papel mollado.
Calendarizar e protocolarizar os controis a realizar, tanto en fronteira como en orixe, para garantir que os produtos do Mercosur que entren en Europa cumpren coas mesmas esixencias que a Unión fixa para os seus agricultores se gandeiros é unha das reclamacións. Así como establecer os mecanismos que permitan comunicar un posible perxuízo para o sector produtor dun territorio ou zona xeográfica concreta sen necesidade de agardar a unha distorsión máis xeral no ámbito europeo.
O secretario xeral de Unión Agrarias lembrou que, se ben a entrada nun ano de 90.000 toneladas de carne ao ano non ten por que supor un problema se se realiza de xeito escalonado e xeograficamente repartido, si podería selo no caso de non facelo dese xeito. Nese senso, as reclamacións acordadas inclúen tamén a calendarización desas importacións para conseguir unha entrada racional, sucesiva e repartida.
A Xunta de Galicia comprométese ademais a reforzar os controis sobre a importación dentro das competencias autonómicas, para o cal xa está en marcha a creación dunha comisión interdepartamental específica. Ademais, o goberno galego deixou sobre a mesa o seu compromiso de reforzar as estratexias de comercialización exterior e de promoción interna dos produto galegos, e anunciou a próxima posta en marcha do tan demandado Observatorio de Prezos.



