Santiago 19 de febreiro de 2026.- A organización Unións Agrarias ven de solicitar á Consellería do Medio Rural que constitúa e convoque con urxencia a Mesa da Pataca de Galicia ante as dificultades que están a atravesar os produtores pola situación de asolagamento das zonas de produción, sobre todo na comarca ourensá da Limia.
No órgano colexiado que solicita UUAA deben de estar presentes a Administración, a industria e o sector produtor con representación no Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, coa finalidade de analizar a situación que está padecendo o sector e propoñer solucións que dean cobertura a esta excepcionalidade e se aproben medidas que palíen a caída das rendas nas explotacións.
Desde Unións Agrarias ponse de manifesto que o sector produtor de pataca está padecendo unha situación complexa motivada pola baixa de prezos en orixe e o incremento de custos de produción que coincide nun momento no que as adversidades meteorolóxicas manteñen anegada gran parte das terras de cultivo. Neste contexto, e con cotizacións que en ocasións apenas superan os 12 cts/k, a organización reclama das administracións que vixíen para evitar o incumprimento da Lei da Cadea alimentaria ante a sospeita de que se estea forzando aos produtores a vender a perdas.
Alén diso, a organización agrogandeira aproveita para solicitar da Deputación de Ourense a activación dunha liña de axudas similar ás que anunciou para o sector da carne co obxectivo de tratar de relanzar o sector.
Cabe lembrar a importancia que o sector ten Galicia que lidera a superficie de cultivo de pataca de media estación en España, representando o 53% do total nacional con aproximadamente 16.000 hectáreas dedicadas a este tubérculo. A produción de pataca en Galicia rolda os 310 millóns de quilos anuais.


