UNIÓNS AGRARIAS TRASLADA AO CONSELLO AGRARIO A PREOCUPACIÓN POLAS OFERTAS Á BAIXA DAS INDUSTRIAS LÁCTEAS

A organización solicitou no Consello Agrario o establecemento de condicións para as industrias que queiran acceder a axudas públicas e pediu actuar ante os novos requerimentos para a identificación da propiedade de fincas vinculadas á PAC

Unións Agrarias solicitou hoxe a complicidade da administración autónomica para dotar de estabilidade ao sector lácteo e garantir relacións máis xustas entre indutria e produtoress. A organización agrogandeira aproveitou a convocatoria do Consello Agrario para amosar a súa preocupación pola actitude das lácteas, con propostas para a renovación dos contratos de recollida que contemplan baixadas de ata 11 céntimos por litro. Unha actitude intolerable e inxustificada ante a que solicitou a mediación da administración e reclamou o establecemento de condicións para o acceso das industrias a axudas públicas.

«Pedímoslle á adminitración volver á etapa na que todos xuntos: administración, industrias e sector produtor, apostemos pola estabilidade dun sector estratéxico en Galicia». E é que o intento das industrias de forzar prezos á baixa na próxima renovación de contrato xa está a ter consecuencias na distribución, que está falando de baixadas que sen dúbida terán consecuencias para o conxunto da cadea.

A organización lembrou que España é un país deficitario na produción de leite. «Un mercado que pivota fundamentalmente arredor do leite líquido debera ser máis proclive a mimar aos seus gandeiros. Porque sen eles a industria deixa de ser necesaria», asevera Unión Agrarias; que lembrou que «anuncios como os que estamos vendo supoñen unha fraude de lei. porque responden máis á vontade da industria de facer renunciar aos produtores ao seu dereito a rubricar contratos cunha duración mínima dun ano que a unha situación real de mercado».

Unións Agrarias tamén levou ao Consello Agrario a súa preocupación polos novos requisitos sobre a identificación da propiedade das terras vinculadas á PAC. Desde a organización estímase que a nova esixencia de incluír o DNI da persoa propietaria das parcelas na solicitude da PAC terá un impacto moi desfavorable en Galicia; tanto pola distribución da terra, caracterizada por numerosos propietarios e complexas herdanzas sen regularizar e con herdeiros de familiares emigrados hai décadas, como pola desconfianza dos propietarios a que o seu NIF figure na declaración da PAC dos agricultores aos que ceden as parcelas en precario, a condición de que as manteñan en boas condicións e aforrar así os gastos de roza para o cumprimento da lexislación de prevención e defensa contra os incendios forestais.

«Obrigar a contar cun contrato por escrito e a incorporar estes datos supón introducir unha nova dificultade para o acceso á terra que sen dúbida terá consecuencias negativas, tanto para a incorporación de xóvenes como para a mobilidade de terras e a loita contra o abandono. Un tiro ao pé ante o problema de déficit de superficie agraria e incendios forestais que padecemos», asevera a organización.

A xuntanza do Consello Agrario deste venres serviu tamén para dar forma a un posicionamento unánime de Xunta e organizacións agrogandeiras no que ten que ver coa PAC que se traducirá nun documento conxunto que, tal e como a conselleira do Medio Rural deixou comprometido, será trasladado tanto ao Ministerio como á Unión Europea polo presidente Alfonso Rueda.

Unións Agrarias valorou a necesidade de facer unha fronte común xunto ao Goberno central para reclamar tanto o mantemento dos fondos ata o de agora asociados á Política Agraria Común como o mantemento da súa estrutura, con dous piares diferenciados. Alén diso, a organización puxo sobre a mesa a necesidade de traballar conxuntamente para procurar un plantexamento que teña en conta as particularidades e necesidades específicas da Cornixa Cantábrica e que non perxudique aos produtores desta zona.