Santiago, 10 de marzo de 2026.- Unións Agrarias-UPA insta á Xunta a impulsar unha xestión eficiente e responsable das axudas destinadas a impulsar incorporacións e plans de mellora nas explotacións agrogandeiras. Logo de varios anos de fallos que levaron a que no 2025 non se aprobase ningunha das solicitudes presentadas, a organización agrogandeira esixe á administración fondos e previsión para que nesta convocatoria ningún produtor quede fóra.
Unións Agrarias esixe que se dote de fondos suficientes a convocatoria de axudas, de xeito que tanto as demandas correspondentes á convocatoria de 2025 como as novas que poidan presentarse neste ano poidan ser atendidas.
Ademais, respecto aos plans de mellora, a organización insta a modificar as condicións que restrinxen o acceso a esta liña de apoio económico aos gandeiros e gandeiras que se incorporaran no último ano. Unha limitación que supón un perxuízo inaceptable para os mozos e mozas que nos últimos cinco anos recibiron apoio para a incorporación e, sen embargo, non puideron optar a un plan de mellora.
A mala xestión desta liña de axudas impulsada nos últimos anos pola Xunta de Galicia leva supoñendo a practica paralización das mesmas e vetando o acceso de produtores e produtoras ao financiamento que precisan para impulsar melloras nas súas explotacións.
As axudas para mellora de explotacións e incorporación de mocidade á actividade agrogandeira representan unha inxección económica vital, non só para o potenciamento do sector agrogandeiro galego, senón tamén polo pulo que supoñen para moitísimas pequenas empresas de servizos e construción radicadas en pequenas vilas, para as que as obras nas granxas supoñen un dos principais motores de aceleración da súa actividade. Nos plans de mellora, Xunta e Ministerio so aportan o 21% do total, xa que o resto corresponde a financiamento europeo.


