UNIÓNS AGRARIAS OPONSE A UNHA REDUCIÓN DE RENDEMENTOS QUE SUPORÍA UN RECORTE DE INGRESOS INASUMIBLE PARA OS PEQUENOS VITICULTORES DO SALNÉS

Unións Agrarias oponse de xeito frontal á proposta de redución de rendementos que o Consello Regulador da DO Rías Baixas ten sobre a mesa. A organización considera totalmente inxustificado e inasumible un plantexamento que xeraría un grave perxuízo para os pequenos viticultores do Salnés, e insta a aclarar de onde parte e cales son as motivacións que o sustentan.

Reducir de 12.000 a 10.000 quilos de uva a produción permitida por hectárea na denominación de orixe Rías Baixas implicaría un recorte inasumible que suporía deixar os ingresos de 3.600 pequenos produtores por debaixo do salario mínimo interprofesional. Así o apunta Unións Agrarias, que chama a atención sobre as incertezas existentes arredor dunha proposta que, a día de hoxe, non se sabe ben de quen parte, e que parece responder máis aos intereses dun pequeno grupo de adegas que a unha problemática real.

«Se esta proposta está baseada en datos técnicos e obxectivos, pedímoslle a quen a propón que dea a cara», asevera a organización, que ve a man dun pequeno grupo de adegas «con problemas de stock ou con intención de mercar máis barato» detrás dun plantexamento que o Consello Regulador podería levar a pleno.

Unións Agrarias lembra que hai 2 anos o Consello Regulador encargou un plan estratéxico que recolle unhas posibilidades de crecemento de plantacións de ata 900.000 hectáreas. «E agora, cando aínda non se chegou a ese cupo, sen saber por qué e sen ningún tipo de análise por parte dos técnicos preténdese regular sobre a produción de uvas de xeito torticeiro», expón a organización agrogandeiira, que esixirá A organización esixirá ao Consello Regulador toda a información sobre esta proposta, así como unha avaliación do plan de crecemento da DO.

Unións Agrarias pon o foco sobre o risco de desabastecemento e perda de mercados que podería implicar apostar por unha redución de rendementos desta magnitude. «Pretender reducir 2.000 quilos por hectárea supón asumir unha redución da produción sen saber como vai vir o ano vitivinícola». Algo tan perigoso como inxustificado despois dunha colleita calificada de excelente polo propio Consello Regulador, nun ano no que se incrementaron as vendas e tamén as exportacións. «Que variou para que de pronto comecemos a andar todos detrás da suposta necesidade de meterlle man aos rendementos?», pregunta a organización agrogandeira, que insta a poñer couto á tentativa de trasladar os problemas de acumulación de stock e mala xestión dalgunhas adegas ao conxunto da DO, «que non está padecendo ese suposto problema de excedente.

«O que queremos é que as uvas que están nas parras, que son reais, teñan cobertura», asevera Unións Agrarias, que insta a garantir o cumprimento das condicións recollidas no regulamento do Consello Regulador e a evitar que quede uva nas vides, así como a entrada de uva do mercado negro. «Baixo ningún concepto imos aceptar unha redución que sería un xeito de meterlle a man no peto aos máis pequenos para resolver un problema de mala xestión dalgunhas adegas, que non son a maioría nin as máis grandes».

Logo dun promeiro encontro mantido onte con viticultores de Cambados, Unións Agrarias impulsará no vindeiros díass xuntanzas cos produtores dos demais municipos da zona para explicarlles o rexeitamento da organización á proposta que tamén comparten as cooperativas, e que esixirá que non sexa abordada no pleno do Consello Regulador. Ademais, a organización solicitará o apoio dos Concellos do Salnés, aos que pedirá que leven a pleno o rexeitamento das corporacións locais a esta proposta.