Santiago 11 de marzo de 2026.- Unións Agrarias está ultimando unha denuncia para levar ante a Comisión Nacional dos Mercado e a Competencia (CNMC) ás distribuidoras petroleiras polo incremento disparado e concertado dos prezos do combustible. Unha suba que no caso do diésel de uso agrícola rolda o 24% non últimos 10 días, situándose neste momento arredor de 1,50 €/l.
Para a organización agraria esta escalada explosiva na cotización non ten explicación mais alá da mera especulación nos prezos, xa que todo o combustible que se está vendendo foi comprado antes do conflito no Golfo Pérsico. Unha situación que se traslada tamén aos fertilizantes, que na última semana subiron 100 € en tonelada, e a outros derivados do petróleo como os plásticos agrícolas.
UUAA reclama das administracións central e autonómica a posta en marcha dun plan de continxencia que coordine accións para garantir o mantemento da produción ante as graves consecuencias que se derivan da concorrencia de factores tan negativos, e sobre todo da incerteza ante os escenarios futuros. Neste sentido, exixe a aplicación exhaustiva do ordenamento da Lei de Cadea no referido á suba dos custos de produción e a súa repercusión no prezo de venta en orixe de leite, carne, patacas, etc.
A forte suba de insumos non ten ido da man dunha suba dos prezos que os produtores perciben, e iso é algo que debe mudar de inmediato para garantir o futuro dun sector estratéxico para o rural galego que cada ano perde músculo pola constante caída e peche de explotacións. Unións Agrarias lembra a vital importancia de contar con ferramentas oficiais de cálculo dos custos de produción. E reivindica a implicación da administración autonómica e estatal á hora de establecer con claridade liñas vermellas que permitan erradicar a venda a perdas; así como para impulsar actuacións exemplarizantes contra os que incumpren a Lei de Cadea.
Desde Unións Agrarias vese con especial preocupación a alza dos prezos da enerxía cuxa escalada imparable -e mais agora cun escenario bélico tensando os mercados-, polo que pide un plan de enerxías renovables para as explotacións en igualdade de condicións do que dispoñen as industrias que lles permitan compensar cos excedentes da produción de enerxética solar unha parte do seu consumo eléctrico.


