Santiago, 12 de marzo de 2026.- Unións Agrarias-UPA insta ás industrias lácteas a prorrogar os contratos de recollida en vigor ata que o nivel de afectación que o conflito bélico en Oriente Medio está a ter para as granxas quede ben definido e cuantificado. A organización lembra que a Lei de Cadea Alimentaria é clara respecto á obriga de que os prezos dos produtos agrogandeiros cubran os custos de produción, e lanza un aviso claro: no actual contexto non tolerará novas tentativas de forzar prezos en orixe á baixa.
Co prezo dos combustibles, da enerxía e dos fertilizantes escalando de xeito desmesurado a consecuencia da guerra en Irán, Unións Agrarias insta ao Ministerio de Agricultura e á Xunta de Galicia a dar un paso adiante e para velar polo estrito cumprimento da lexislación vixente no sector produtor, tanto no que ten que ver coa orixe do leite que está a entrar nas industrias como en relación á repercusión da suba dos custos de produción das granxas. Así, a organización reclama un control estrito para evitar a entrada de leite de fóra de España a prezos por debaixo de custos. E demanda que se activen as ferramentas para garantir que os contratos de abastecemento que se asinen teñan en conta o actual escenario.
Coa renovación de contratos de abastecemento do leite achegándose, a organización fai un chamamento á responsabilidade e solicita a intervención da AICA galega e estatal ante un escenario insólito que non pode ter cabida no marco legal vixente, cos custos subindo e os prezos baixando.
Unións Agrarias insta ás industrias a actuar con responsabilidade, e alerta de que non tolerará que estas pretendan facer caixa a costa da viabilidade do sector produtor. Ademais, fai un chamamento á distribución para que esta non volte a prácticas fraudulentas e evite empregar o leite procedente de outros países con prezos baixos como produto reclamo. Unha práctica fraudulenta que podería levar a unha grave distorsión do mercado e provocar graves prexuízos para a viabilidade do sector produtor local.
A suba do prezo do diésel de uso agrícola rolda o 24% nos últimos 10 días, situándose neste momento arredor de 1,50 €/l. Un incremento que tamén está a afectar aos fertilizantes, debido ás dificultades de adquisición de materias primas para a súa elaboración, e que ameza con repercutir tamén nas facturas das subministracións enerxéticas.


