Unións Agrarias mantivo esta mañá unha xuntanza de urxencia coa conselleira do Medio Rural para trasladarlle a súa enorme preocupación polo escenario que están a enfrontar as explotacións lácteas galegas. A organización obtivo o compromiso do goberno galego de intervir para reconducir unha situación na que as industrias están a eludir as obrigas que marca a Lei de Cadea Alimentaria, tentando forzar prezos á baixa nun momento de forte incremento dos custos de produción e recorrendo á importación masiva de cisternas de leite de terceiros países a baixo prezo.
A situación é grave, e non pode pasarse por alto: nun contexto de escalada brutal dos custos de produción provocada pola guerra de Irán as industrias lácteas pretenden forzar unha nova baixada nos prezos do leite en orixe. As primeiras ofertas para a renovación de contratos postas sobre a mesa por Lactalis contemplan unha baixada de ata 8 céntimos e un prezo base de 0,38€/litro. Unha proposta inasumible que bate frontalmente coas obrigas que marca a Lei de Cadea Alimentaria. «A lexislación é clara á hora de establecer unha formación de prezos dende abaixo arriba», lembra a organización agrogandeira; que se pregunta «cómo é posible que cunha suba de custos de 7 céntimos as industrias pretendan baixar 8».
Unións Agrarias denuncia que, a pesar das denuncias e as sentenzas sobre o Cártel do Leite, as prácticas de concertación seguen a ser unha realidade. «Non existe negociación, e unha vez máis volvemos estar ante contratos de adhesión impostos de xeito unilateral polas industrias». Algo «especialmente grave nun contexto de incremento de custos de produción brutal».
Unións Agrarias demanda a intervención de Xunta e Ministerio ante un escenario que se agrava aínda máis a consecuencia «da distorsión sen precedentes que está provocando a entrada masiva de cisternas de leite de Francia e Portugal a prezos escansalosamente baixos, roldando os 20 céntimos litro. Unha situación «ilegal de competencia desleal» ante a que a organización esixe actuacións tanto da Comision Nacional dos Mercados e da Competencia como da Xunta de Galicia.
A organización agrogandeira esixe das administracións o inicio dunha campaña intensiva de inspección: por garantía para os gandeiros e o seu dereito á rendabilidade, pero tamén polos intereses das persoas consumidoras, para evitar que sexan vítimas de fraude. E é que mentres nas industrias galegas están a entrar de forma masiva cisternas de leite de fóra de España, o etiquetado dos envases que estas colocan nos puntos de venda seguen a indicar de xeito maioritario que a orixe do seu leite é estatal. Así, Unións Agrarias denuncia a «competencial desleal» que supoñen estas prácticas e reclama que o Goberno controle as condicións nas que están a producirse esas importacións e as consecuencias que están a ter para o sector produtor local. E insta ás administracións a paralizar calquera axuda ás industrias que non cumpran co marco legal vixente e atenten contra os dereitos do sector produtor. «Que a industria teña claro que non vai poder seguir traendo leite a 20 céntimos, por debaixo de custos, sen que iso lle teña consecuencias».
Piquetes informativos en industrias e distribución
Neste contexto, Unións Agrarias anuncia o inicio de piquetes informativos e actos nas industrias para controlar a orixe do leite que está entrando. Mobilizacións que se extenderán tamén aos puntos de venda co obxectivo de informar a procurar a complicidade das persoas consumidoras. «Temos claro que todos os produtos producidos dentro das fronteiras da Unión Europea poden venderse, pero sempre que a indicación de orixe sexa clara e cando se respecte o prezo de mercado», explica a organización, que intentará que a cidadanía «sexa consciente de quen cumpre a lei e quen non».
Por último, Unións Agrarias fai un chamamento para que os titulares de explotacións galegas non cedan ás presións das industrias. «Non podemos asinar ningún contrato que non contemple a suba de custos brutal que estamos a padecer, e instamos a Xunta e Ministerio a activar inspeccións», indica a organización; que tamén reclama a activación de medidas que contribúan a compensar os custos engadadidos que o conflito en Oriente Medio está a provocar no sector produtor.
Trala xuntanza mantida este sábado pola mañá na Xunta de Galicia, a conselleira recoñeceu as consecuencias que a guerra de Irán están a ter para o sector primario galego, cun incremento brutal nos prezos da enerxía, do gasóleo e dos fertilizantes, así como en problemas de desabastecemento de plásticos, e anunciou que pedirá ao Goberno a redución dos impostos que gravan a enerxía e o gasóleo agrícola. Ademais, a titular de Medio Rural instou ás industrias a actuar con corresponsabilidade e a ter en conta os custos de produción das explotacións na próxima renovación de contratos, e comprometeuse a impulsar as inspeccións demandadas por Unións Agrarias.


