Unións Agrarias organizou este mércores piquetes na entrada das plantas de distintas industrias lácteas galegas para evidenciar o grande malestar imperante no sector. A organización puido comprobar in situ a constante entrada de cisternas con leite procedente de Portugal. Unha realidade que se produce cando as lácteas tentan forzar unha nova e inasumible baixada do prezo do leite en orixe nun momento no que os custos de produción se atopan en plena escalada.
Unións Agrarias demanda a intervención de Xunta e Ministerio ante un escenario grave que ameaza con levar por diante ao sector produtor galego. A organización alerta «da distorsión sen precedentes que está provocando a entrada masiva de cisternas de leite de Portugal. Un aumento moi significativo das importacións que as industrias queren empregar para forzar unha baixada dos prezos do leite en Galicia.
A organización agrogandeira insta á Xunta de Galicia a iniciar canto antes a campaña intensiva de inspección que a conselleira do Medio Rural se comprometeu a impulsar na xuntanza de urxencia que mantivo o pasado sábado coa organización agrogandeira. Unha actuación indispensable: por garantía para os gandeiros e o seu dereito á rendabilidade, pero tamén polos intereses das persoas consumidoras, para evitar que sexan vítimas de fraude. E é que mentres nas industrias galegas están a entrar de forma masiva cisternas de leite de fóra de España, o etiquetado dos envases que estas colocan nos puntos de venda seguen a indicar de xeito maioritario que a orixe do seu leite é estatal. Así, Unións Agrarias denuncia a «competencial desleal» que supoñen estas prácticas e reclama que o Goberno controle as condicións nas que están a producirse esas importacións e as consecuencias que están a ter para o sector produtor local. E insta ás administracións a paralizar calquera axuda ás industrias que non cumpran co marco legal vixente e atenten contra os dereitos do sector produtor. «Que a industria teña claro que non vai poder seguir traendo leite a 20 céntimos, por debaixo de custos, sen que iso lle teña consecuencias».
Nas últimas semanas os custos de produción das granxas galegas teñen subido arredor de 7 céntimos por litro de leite a consecuencia do incremento do prezo de combustibles, enerxía, fertilizantes e plásticos. Porén, as lácteas están a presentarlles aos gandeiros ofertas para a renovación dos contratos de recollida con baixadas de 8 céntimos. Unha proposta inasumible que bate frontalmente coas obrigas que marca a Lei de Cadea Alimentaria, que é clara á hora de establecer unha formación de prezos dende abaixo arriba.
















