Gandeiros e membros de Unións Agrarias-UPA congregáronse esta mañá no polígono de Santiago de Compostela para iniciar unha campaña de actos de denuncia e sinalamento con motivo da difícil situación que enfrontan as explacións lácteas do país. As plantas de Cash Galicia e Cash Record foron os escenarios nos que se desenvolveron unhas protestas nas que se procedeu á retirada do leite Xoia. Unha marca comercial envasada cunha imaxe que remite a pensar na orixe galega do leite, pero coa que Feiraco está a poñer no mercado produto portugués a baixo prezo; volvendo aos tempos do emprego do leite como reclamo e xerando unha distorsión no mercado que está a servir de excusa, tanto a esta como ás demais industrias lácteas galegas, para forzar unha nova baixada do leite en orixe.
Unha semana despois de que a conselleira do Medio Rural se comprometera nunha xuntanza de urxencia mantida con Unións Agrarias a iniciar unha rolda de inspeccións para comprobar a trazabilidade e os prezos das cisternas de leite de Francia e Portugal que están a chegar ás industrias galegas, a organización agrogandeira lamenta a falla de información e de iniciativa ao respecto. E é que, segundo a información que manexa Unións, ata o de agora eses controis non tiveron lugar.
Cunha baixada de entre 4 e 11 céntimos enriba da mesa e uns custos de produción que se teñen incrementado arredor de 7 céntimos por litro de leite a consecuencia da suba de carburantes, enerxía e fertilizantes, a situación das granxas galegas é moi delicada. Así, Unións Agrarias insta á administración a tomar cartas no asunto, velar pola rendabilidade do sector produtor e actuar con contundencia para facer cumprir a Lei de Cadea Alimentaria.

























