Unións Agrarias-UPA insta á Fiscalía a investigar a existencia de delito ante unha posible operación orquestrada polas industrias lácteas para forzar rebaixas no prezo do leite en orixe. Trala presentación da denuncia, rexistrada hoxe na sede do órgano do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a organización volve facer un chamamento ás administracións para que exerzan as súas competencias en materia de inspección e comproben canto antes tanto a trazabilidade como o prezo das cisternas de leite portugués e francés que están a entrar de xeito masivo nas plantas galegas.
A entrada constante de leite de Francia e Portugal nas distintas indistrias que operan en Galicia é unha realidade que Unións Agrarias leva días constatando mediante piquetes informativos e controis oculares realizados ás portas das lácteas; e que corroboran tamén os datos dispoñibles. E é que entre outubro e decembro do ano pasado a entrada de leite foráneo incrementouse ata nun 150%.
Unións Agrarias entende que ese aumento desmesurado das importacións de leite non é un feito casual, senón que está servindo ás lácteas para distorsionar o mercado e forzar rebaixas no prezo que paga ás explotacións galegas.
A organización pon estes feitos en coñecemento da Fiscalía e lamenta a inacción de Xunta e Ministerio. Administracións que, pese a terse comprometido a actuar e a impulsar inspeccións, ata o de agora non teñen feito nada por corroborar unha actividade que supón unha competencia desleal con graves repercusións para o sector produtor local.
Nas últimas semanas os custos de produción das granxas galegas teñen subido arredor de 7 céntimos por litro de leite a consecuencia do incremento do prezo de combustibles, enerxía, fertilizantes e plásticos. Porén, as lácteas están a presentarlles aos gandeiros ofertas para a renovación dos contratos de recollida con baixadas de 8 céntimos. Unha proposta inasumible que bate frontalmente coas obrigas que marca a Lei de Cadea Alimentaria, que é clara á hora de establecer unha formación de prezos dende abaixo arriba.


