Unións Agrarias-UPA continúa constatando a continua entrada de cisternas de leite nas industrias galegas. Así o corroboran as comprobacións realizadas por gandeiros e membros da organización ás portas das plantas, ante as que levan semanas organizando accións reivindicativas para visibilizar unhas prácticas que as lácteas están a empregar como elemento de distorsión para forzar unha rebaixa masiva no prezo que pagan ás explotacións galegas.
O aumento das entradas de leite en Galicia é unha realidade que constatan os datos sobre importacións publicados polos Ministerio de Economía. Uns rexistros públicos que recollen un aumento da chegada de cisternas ao longo de 2025 que se incrementa moi significativamente nos últimos tres meses do ano, logo da última renovación de contratos, cando a suba chega ata un 160%.
A organización non entende que, logo de anunciar publicamente a realización de rexistros e comprometerse coa defensa dos intereses do sector produtor, a Xunta de Galicia deixe pasar as semanas sen actuar e mesmo pretenda enmarcar a actividade das industrias dentro da normalidade. Unha postura coa que a administración toma parte e deixa aos produtores e produtoras galegos desprotexidos e a expensas das imposicións das lácteas.
Cunha baixada de 8 céntimos por litro enriba da mesa, Unions Agrarias insta ás industrias a cambiar de actitude. A organización considera inaceptable unha rebaixa que ignora a forte suba de custos que as granxas están a padecer a consecuencia do encarecemento de combustibles, fertilizantes, enerxía e plásticos provocado pola guerra en Irán. Unións Agrarias reclama que se paralice toda axuda pública ás lácteas mentres estas continúen ignorando o marco legal vixente e dinamitando o sector produtor. E insta á Xunta e ao Ministerio a actuar con contundencia a través das AICAs galega e estatal.
Unións Agrarias denuncia que, a pesar das denuncias e as sentenzas sobre o Cártel do Leite, as prácticas de concertación seguen a ser unha realidade. «Non existe negociación, e unha vez máis volvemos estar ante contratos de adhesión impostos de xeito unilateral polas industrias». Algo «especialmente grave nun contexto de incremento de custos de produción brutal».
Unións Agrarias demanda a intervención de Xunta e Ministerio ante o escenario «ilegal de competencia desleal» que supón a estratexia de importación masiva de cisternas a baixo prezo que as industrias levan meses perpetrando, e ante a que a organización reclama tamén a actuación da Comision Nacional dos Mercados e da Competencia.



