UNIÓNS AGRARIAS ABANDONA A INTERPROFESIONAL LÁCTEA ANTE A INACEPTABLE IMPOSICION DE PREZOS Á BAIXA DAS INDUSTRIAS

Insta á AICA a declarar ilegais os novos contratos e reclama accións penais da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia

Unións Agrarias-UPA mantivo esta mañá unha xuntanza coa presidencia da Federación Nacional de Industrias Lácteas FENIL para trasladarlle o enorme malestar da organización ante a proposta de rebaixas no prezo do leite que as industrias pretenden impoñer en Galicia na próxima renovación de contratos. A organización anunciou a fin de toda relación e o cese da súa participación na Interprofesional Láctea ante unha actuación unilaterial coa que as industrias dinamitan calquera posibilidade de colaboración, ignoran o marco legal vixente e atentan contra os dereitos e a rendabilidade do sector produtor.

Logo de semanas de reivindicacións e comprobando a constante entrada de cisternas de leite portugués e francés nas industrias galegas, Unións Agrarias-UPA desmárcase da Interprofesional Láctea. «Non ten razón de ser a continuidade da nosa organización traballando conxuntamente nun plan de futuro para o sector cando a industria actúa unilateralmente deste xeito, levando por diante as mínimas regras de negociación colectiva e propoñendo contratos de adhesión cos que forzan aos gandeiros a asinar ou tirar o leite. Unha oferta que que duplica a rebaixa que as industrias están propoñendo noutras Comunidades Autónomas, e que incumpre a Lei de Cadea Alimentaria ao ignorar a suba de custos».

A rebaixa que as lácteas pretenden impoñer en Galicia na renovación de contratos prevista parao 1 de abril sitúase nos 8 céntimos media nun momento no que a suba de custos derivada da guerra en Irán rolda os 7 céntimos por litro de leite. Ademais, a entrada constante de leite de Francia e Portugal nas distintas indistrias que operan en Galicia é unha realidade que Unións Agrarias leva semanas constatando mediante piquetes informativos e controis realizados ás portas das lácteas; e que corroboran tamén os datos sobre importacións do Ministerio de Economía. E é que entre outubro e decembro do ano pasado a entrada de cisternas de leite foráneo incrementouse ata nun 160%, segundo recollen eses rexistros oficiais. Un aumento desmesurado das importacións de leite non é casual, senón unha estratexia premeditada que está servindo ás lácteas para distorsionar o mercado e forzar rebaixas no prezo que paga ás explotacións galegas.

Así as cousas, Unións Agrarias esixe que se declaren ilegais os contratos que entrarán en vigor a partir do 1 de abril. Independentemente de que estean asinados, a organización entende que eses contratos non poden considerarse legais, pois a súa aceptación por parte do sector produtor responde ás presións e ao medo a que non se lles recolla e ter que tirar o leite. Así Unións Agrarias intsa á AICA a declarar ilegais os novos contratos habida conta da ausencia de negociación e dunha baixada de prezos que non ten en conta a suba de custos a que obriga a Lei de Cadea Alimentaria. «Non podemos aceptar estas baixadas, que supoñen un ataque a un sector clave na estrutura de produción e na economía de moitas scomarcas galegas».

Ademais, a organización insta á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia a actuar penalmente contra as industrias que están a importar leite de terceiros países a prezos de derribo. «Esa entrada de leite a 10 ou 12 céntimos litro, moi por debaixo doss 48 que se paga aos franceses, é ilegal. E pedímoslle tanto á AICA como á Xunta de Galicia que interveñan ante unha situación que supón unha distorsión do mercado e un fraude ás persoas consumidoras».