Unións Agrarias reclama a implicación de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia para investigar e poñer de relevo os incumprimentos das lácteas. A organización insta a administracións e partidos a ir da man na defensa do sector produtor galego e poñer couto ás prácticas ilícitas que as industrias están a empregar para forzar baixadas no prezo do leite.
Unións Agrarias solicitará a creación dunha comisión de investigación na Cámara galega que bote luz sobre unha realidade que a organización leva semanas denunciando: os reiterados incumprimentos das industrias lácteas e a estratexia de aumento das importacións de leite de terceiros países a baixo prezo que estas están empregando para forzar unha baixada inasumible e inaceptable na próxima renovación de contratos.
A organización participou esta mañá nunha nova xuntanza na Consellería do Medio Rural, á que volveu demandar a activación inmediata e exhaustiva de inspeccións que permitan constatar o volume e o prezo do leite importado que está a entrar nas industrias galegas.
A entrada constante de leite de Francia e Portugal nas distintas indistrias que operan en Galicia é unha realidade que Unións Agrarias leva semanas constatando mediante piquetes informativos e controis oculares realizados ás portas das lácteas; e que corroboran tamén os datos sobre importacións do Ministerio de Economía. E é que entre outubro e decembro do ano pasado a entrada de cisternas de leite foráneo incrementouse ata nun 160%.
Unións Agrarias demanda a intervención da AICA e da Xunta de Galicia, así como da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, para poñer couto a unha actuación ilícita de competencia desleal que a organización xa denunciou tamén ante a Fiscalía. E solicita que, ante este escenario, se declaren ilegais os novos contratos que entrarán en vigor a partir de mañá, día 1 de abril, e que moitas explotacións se teñen visto na obriga de asinar ante as presións e o risco de que se lles paralice a recollida de leite.
A organización reclama a activación dun Observatorio de Custos que analice o escenario actual, trace liñas vermellas e sirva como referencia oficial á hora de establecer a ilegalidade da rebaixa que as lácteas pretenden impoñer nun momento no que os custos de produción das granxas se atopan en escalada como consecuencia ao aumento do prezo de combustibles, enerxía, fertilizantes e plásticos agrícolas provocado pola guerra en Irán.
A xuntanza serviu tamén para dar forma a un escrito conxunto para solicitar ao Ministerio unha modificación da Lei de Cadea que permita reforzar o papel das organizacións de produtores e blindar o dereito á negociación colectiva que as industrias veñen eludindo de maneira sistemática.
A organización confía en que as actuacións demandadas consigan frear as propostas de baixada de prezos que as lácteas teñen posto enriba da mesa, e demanda contundencia para evitar que este tipo de prácticas volvan repetirse.





