UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA Á AICA E AO MINISTERIO ACTUACIÓNS RIGOROSAS E EXEMPLARIZANTES ANTE OS ABUSOS DAS LÁCTEAS

A organización reuniuse este mércores en Madrid coa directora xeral de Producións e Mercados, Elena Busutil, co director xeral de Alimentación, José Miguel Herrero, e coa directora da AICA, María Fernández Sanz

Santiago, 25 de marzo de 2026.- Unións Agrarias-UPA mantivo esta mañá en Madrid dúas xuntanzas: coa directora xeral de Producións e Mercados, Elena Busutil, e co director xeral de Alimentación, José Miguel Herrero, primeiro; e coa directora da AICA, María Fernández Sanz, a continuación; para trasladarlles o enorme malestar existente no sector produtor e esixir actuacións contundentes que poñan couto aos incumprimentos e abusos das industrias lácteas. A organización considera que a imposición de contratos perpetrada polas lácteas, cunha baixada xeralizada de 8 céntimos por litro de leite nun contexto de suba dos custos de produción, atenta contra a legalidade vixente e insta ao Ministerio a tomar cartas no asunto.

Na xuntanza mantida hoxe o Ministerio confirmou ter constatada a ausencia de negociación en relación aos novos contratos de recollida do leite que, tal e como Unións Agrarias ven denunciando, foron impostos de xeito unilateral polas industrias e asinados debido ás presións e o medo dos produtores a que se lles paralizase a recollida. Ademais, o goberno central recoñeceu que non existe xustificación para as baixadas de prezo impostas polas lácteas, que non se teñen visto perxudicadas por ningunha alteración á baixa no PVP do leite. Alén disto, Unións Agrarias aproveitou o encontro para advertir de que a entrada masiva de cisternas de leite de Francia e Portugal, con cotizacións artificialmente baixas, está xa a producir un efecto contaxio sobre as que se comercializan en Galicia, arrastrando a cadea de valor.

En paralelo, na xuntanza mantida hoxe o secretario xeral de Unión Agraria, Roberto García, instou á directora da AICA, María Fernández Sanz, a declarar ilegais os contratos en vigor dende o 1 de abril habida conta da total ausencia de negociación para levar a cabo a imposición dunha baixada de prezos que non ten en conta a suba disparada de custos a que obriga a Lei de Cadea Alimentaria. Independentemente de que estean asinados, a organización entende que eses contratos non poden considerarse legais, pois a súa aceptación por parte do sector produtor responde unicamente ás presións e ao medo de gandeiras e gandeiros a que se lles paralice a recollida e ter que tirar o leite.

Neste sentido, UUAA denunciou ante a AICA a formación dun novo Cártel do Leite mais sofisticado, con prácticas de concertación ilegal de prezo por parte das industrias para forzar as caídas de cotizacións nas explotacións mais grandes. «Non existe negociación, e unha vez máis volvemos estar ante contratos de adhesión impostos de xeito unilateral polas industrias».

A situación é grave e non pode pasarse por alto: nun contexto de escalada brutal dos custos de produción provocada pola guerra de Irán as industrias lácteas teñen forzado unha baixada de 8 céntimos por litro de leite. Unha actuación inaceptable que bate frontalmente coas obrigas que marca a Lei de Cadea Alimentaria. Unións Agrarias lembra que a lexislación é clara á hora de establecer unha formación de prezos dende abaixo arriba, e pregúntase como é posible que cunha suba de custos de 7 céntimos as industrias baixen 8.

A organización, que xa ten posto estes feitos en coñecemento da Fiscalía, insta tamén á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia a actuar penalmente contra as industrias que están a importar leite de terceiros países a prezos de derribo. «Esa entrada de leite a 10 ou 12 céntimos litro, moi por debaixo doss 48 que se paga aos franceses, é ilegal. E pedímoslle tanto á AICA e ao Miniterio como á Xunta de Galicia que interveñan ante unha situación que supón unha distorsión do mercado e un fraude ás persoas consumidoras».