Santiago de Compostela, 9 de abril.- Unións Agrarias valora en positivo a resolución da Xunta de Galicia pola que se formula unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorable ao proxecto de ampliación que a empresa que xestiona o vertedoiro de residuos de construción e demolición de Campomarzo, en Silleda, pretendía levar a cabo. A organización celebra unha decisión que frea as posibilidades dun proxecto que contaba cunha firme oposición veciñal e que implicaba riscos para a auga, a saúde pública, a actividade agrogandeira, o patrimonio e o equilibrio ambiental da zona.
A resolución da Xunta conclúe que non existen garantías suficientes para descartar impactos adversos significativos sobre o medio ambiente, principalmente sobre o dominio público hidráulico, e recolle de maneira expresa as reservas formuladas por Augas de Galicia. Ese foi precisamente o eixo central da preocupación de Unións Agrarias: a transformación dun depósito de RCD nun vertedoiro de RNP nun emprazamento moi próximo ao río Toxa, nun contexto de conectividade hidrolóxica sensible e con risco asociado á xeración de lixiviados.
UUAA considera que esta resolución é tamén unha boa noticia para a veciñanza, porque achega tranquilidade a un territorio que levaba tempo vivindo con preocupación a posibilidade de que saíse adiante un proxecto con potencial afección sobre a auga e sobre o medio rural. A organización quere poñer en valor a mobilización social, as alegacións presentadas e a firmeza coa que a parroquia e os colectivos do territorio defenderon o dereito a vivir nunha contorna segura e compatible coa actividade agraria e gandeira.
Desde Unións Agrarias sublíñase ademais que esta decisión non responde a unha cuestión menor nin formal, senón a un problema de fondo. O cambio de residuos admisibles, pasando de residuos de construción e demolición a residuos non perigosos, incrementaba a carga contaminante potencial e os riscos ambientais nun lugar xa especialmente delicado pola proximidade ao río Toxa e á ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza. A propia documentación da organización viña advertindo dese escenario, que agora queda reforzado pola valoración técnica da Administración autonómica.
En canto ao percorrido administrativo que lle queda ao proxecto, a Declaración de Impacto Ambiental desfavorable bloquea a viabilidade ambiental da proposta tal e como foi formulada. A resolución indica ademais que contra a DIA non cabe recurso autónomo, sen prexuízo dos que poidan formularse fronte ao acto final polo que se aprobe ou autorice, ou non, o proxecto.
Isto significa que a empresa promotora non pode presentar agora un recurso unicamente contra esta Declaración de Impacto Ambiental, considerada como unha fase dentro do procedemento administrativo global. O que si poderá facer, se así o decide, é recorrer máis adiante a resolución final que dite a Administración sobre o proxecto, sexa para denegalo, arquivalo ou resolver sobre a súa autorización. Será nese momento cando poderá discutir tamén o contido e os efectos desta DIA desfavorable.
Na práctica, isto sitúa o expediente actual nun escenario moi desfavorable para a súa continuidade nos termos presentados. O máis probable é que non poida prosperar tal e como está deseñado; se a empresa promotora quixese insistir, tería que reformular de maneira profunda a proposta e volver someter unha nova iniciativa á correspondente tramitación ambiental e administrativa.
Unións Agrarias manterase vixiante ante os seguintes pasos que poidan producirse e seguirá defendendo os intereses da veciñanza e das explotacións afectadas, reclamando transparencia, seguridade xurídica e protección efectiva do medio rural.


