A RENDA DAS GRANXAS DE LEITE CAERÁ 186 MILLÓNS DE EUROS

O diferencial no prezo chegará a un 24% entre Galicia e Asturias

Santiago, 17 de abril de 2026.- Unións Agrarias alerta dos efectos directos nas rendas dos produtores lácteos galegos da baixada salvaxe nas cotizacións levada a cabo polas industrias. No caso dunha explotación media de 450.000 de quilos de produción, a rebaixa de 8 cts/l imposta nos contratos supón uns 27.000 euros de caída nas rendas da granxa. Un balance negativo que se agrava polo incremento disparado de custos pola guerra en Irán (45% gasoil, 30% fertilizantes, 15% servizos agrarios, etc), o que ven a supoñer un sobrecusto de 6 cts/l.

Desde a organización agraria chámase a atención sobre a importante perda de posicións de Galicia no prezo medio que recibe polo leite, con diferenciais coas comunidades autónomas veciñas de Castela e León e Asturias do 13,5 % e 24,3%, respectivamente. Así, a cotización pola produción galega cae á cuarta posición do Estado pola cola e xa ten un desaxuste co prezo medio que se paga no resto de España dun 4,2 %. Para o conxunto da base de ganderías galegas prevese, se non hai corrección, unha caída nas rendas de máis de 186 millóns de euros: 38.000 euros menos para cada unha das 4.893 explotacións que seguen abertas.

Con estes datos UUAA fai un chamamento ás administracións para trasladarlles o enorme malestar existente no sector produtor pola falta de actuacións contundentes que poñan couto aos incumprimentos e abusos das industrias lácteas. A organización considera que a imposición de contratos perpetrada polas lácteas, cunha baixada xeneralizada de 8 céntimos por litro de leite nun contexto de suba dos custos de produción, atenta contra a legalidade vixente e non pode quedar impune porque está a ameazar de vez a un pilar económico central en Galicia.

Non poden seguir vixentes uns contratos de recollida do leite que, tal e como Unións Agrarias ven denunciando, foron impostos de xeito unilateral polas industrias e asinados debido ás presións e o medo dos produtores a que se lles paralizase a recollida. Cando ademais, o goberno central recoñeceu que non existe xustificación para as baixadas de prezo impostas polas lácteas, que non se teñen visto perxudicadas por ningunha alteración á baixa no PVP do leite. Do mesmo xeito, Unións Agrarias insiste en que a entrada masiva de cisternas de leite de Francia e Portugal, con cotizacións artificialmente baixas, está xa a producir un efecto contaxio sobre as que se comercializan en Galicia, arrastrando a cadea de valor.

UUAA denunciou ante a AICA que toda esta situación se deriva de que se está formando un novo Cártel do Leite máis sofisticado, con prácticas de concertación ilegal de prezo por parte das industrias para forzar as caídas de cotizacións nas explotacións máis grandes. Unha actuación inaceptable que bate frontalmente coas obrigas que marca a Lei de Cadea Alimentaria. Unións Agrarias lembra que a lexislación é clara á hora de establecer unha formación de prezos dende abaixo arriba, e pregúntase como é posible que cunha suba de custos de 6 cts/l as industrias baixen 8 cts/l.

A organización, que xa ten posto estes feitos en coñecemento da Fiscalía, insta tamén á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia a actuar penalmente contra as industrias que están a importar leite de terceiros países a prezos de derribo. «Esa entrada de leite a 10 ou 12 céntimos litro, moi por debaixo doss 48 que se paga aos franceses, é ilegal. E pedímoslle tanto á AICA e ao Miniterio como á Xunta de Galicia que interveñan ante unha situación que supón unha distorsión do mercado e un fraude ás persoas consumidoras».