UUAA SOLICITA Á XUNTA QUE AUTORICE O PASTOREO NAS ZONAS INCENDIADAS

Os lumes catastróficos do pasado verán deben encaixar nas excepcións de prohibición

Santiago a 24 de abril de 2026.- Unións Agrarias trasladou Á Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural a necesidade de levantar a prohibición de pastoreo nas zonas que sufriron incendios na vaga do verán pasado. Aínda que a Lei de Montes sinala unha moratoria de 2 anos para o uso gandeiro logo dun incendio forestal provocado, tamén prevé excepcións entre as que sen dúbida deben de figurar os lumes catastróficos do mes de setembro do 2025, nos que só na provincia de Ourense ardeu o 20% da súa superficie.

A situación na que se atopan moitas explotacións pola suba incontrolable do prezo do combustibles, os fertilizantes ou o penso, fai que os pastos sexan máis imprescindibles que nunca para tratar de controlar o incremento de custos. Non hai que esquecer que estas ganderías de extensivo supoñen a mellor barreira natural contra o avance dos lumes forestais con frontes quilométricas como os que cada vez se ven máis a miúdo.

Unións Agrarias lembra que a superficie agraria queimada superou as 20.000 hectáreas do total de 118.000 hectáreas afectadas pola catástrofe, o que supuxo unha perda de pastos brutal nun momento no que a alimentación alternativa presentaba moitas dificultades pola especulación existente no mercado dos insumos.

A organización agraria manifesta así mesmo moita inquedanza polas autorizacións de queimas que Medio Rural está estendendo en concellos como Viana ou Verín a pesar da seca que afecta a toda a comarca. Hai que ter en conta que eses terreos conta cunha carga moi importante de biomasa que se pode converter nunha bomba incendiaria en calquera momento.