UUAA ALERTA DO DANO POLO PEDRAZO NO VIÑEDO DE CASTRELO DO MIÑO

Na parroquia de Macendo perdeuse a totalidade da colleita polos efectos da treboada

Ourense, 28 de abril de 2026.- Unións Agrarias insta á Xunta a involucrarse na cuantificación dos danos nas vides producidos polo pedrazo onte na denominación de orixe Ribeiro e a actuar coa máxima dilixencia para abrir unha liña de axudas aos viticultores, similar a que se activou noutras ocasións e localizacións, para afrontar con rapidez as consecuencias da incidencia metereolóxica. Á espera de concluír a revisión da totalidade das parcelas afectadas e ante o risco de novas treboadas, as zonas con maior afectación están situadas no concello de Castrelo de Miño, especialmente na parroquia de Macende onde se perdeu a totalidade da colleita.

A tormenta que este luns se cinguiu sobre O Ribeiro chega nun momento especialmente sensible para os viticultores da zona, xa que as vides son neste tempo especialmente vulnerables. Se ben aínda non é posible cifrar con exactitude o alcance dos destrozos producidos polo pedrazo, nas primeiras inspeccións o que se constata é que a grande maioría dos afectados non dispoñen de seguro polas dificultades que supón a adaptación das pólizas a parcelas de dimensión pequena.

Unións Agrarias lembra o carácter estratéxico, tanto dende o punto de vista socioeconómico como cultural e demográfico, que desempeña a viticultura no Ribeiro. Unha zona caracterizada polas pequenas explotacións, que en moitos casos non contan coa cobertura dun seguro que os cubra ante episodios deste tipo. Neste sentido vai a trasladar ao Consello Regulador que dicte unha exención do pago das cotas aos viticultores afectados polas treboadas.

A organización lembra o papel fundamental que a viticultura social desempeña á hora de fixar poboación na zona. Unha actividade que representa o único activo económico existente en moitas áreas do rural ourensán. Nese senso, a organización fai un chamamento á responsabilidade e insta á Xunta de Galicia a non deixar a estes pequenos produtores na estacada e a prestarlles a axuda precisa para afrontar o custo económico desta treboada.