UNIÓNS AGRARIAS PIDE Á CIDADANÍA QUE APOSTE POR PRODUTOS DE PROXIMIDADE

A organización participou no reparto de 2.000 tarrinas de amorodos organizado por UPA Huelva na Praza do Obradoiro

Unións Agraria apelou hoxe á complicidade das persoas consumidoras para que, á hora de mercar, aposten por produtos de proximidade. «Facelo significa apostar polo rural e polo papel que agricultores e gandeiros realizan na xestión do territorio, por un modelo de produción sustentable e de calidade e por evitar o transporte inncesario de alimentos e a contaminación que este produce». Foi durante o acto de peche da campaña «Yo como fresas de Huelva» organizado en Santiago de Compostela por UPA Huelva. Unha iniciativa ideada para reclamar prezos xustos e reivindicar a calidade e a sustentabilidade dos produtos de orixe España.

Despois de percorrer 16 cidades, «Yo como fresas de Huelva» recalou na capital galega para pechar na Praza do Obradoiro unha campaña que UPA Huelva impulsa por terceiro ano consecutivo. Máis de 2.000 tarrinas de amorodos desa provincia foron repartidos de xeito gratuíto para reivindicar o sabor, a seguridade e a sustentabilidade que garanten os produtos estatais e reivindicar a importancia do sector produtor.