Cambados, 30 de abril de 2026.- Unións Agrarias insta á Xunta a involucrarse na cuantificación dos danos nas vides producidos polo pedrazo onte na denominación de orixe Rías Baixas e a actuar coa máxima dilixencia para abrir unha liña de axudas aos viticultores, similar a que se activou noutras ocasións e localizacións, para afrontar con rapidez as consecuencias da incidencia metereolóxica. Á espera de concluír a revisión da totalidade das parcelas afectadas e ante o risco de novas treboadas, as zonas con maior afectación están situadas no concello de Ribadumia, especialmente nas parroquias de Barrantes, Vilariño e Castrelo onde se perdeu grande da da colleita.
A tormenta que este luns se cinguiu sobre a D.O. Rías Baixas chega nun momento especialmente sensible para os viticultores da zona, xa que as vides son neste tempo especialmente vulnerables. Se ben aínda non é posible cifrar con exactitude o alcance dos destrozos producidos polo pedrazo, nas primeiras inspeccións o que se constata é que a unha gran parte dos afectados non dispoñen de seguro polas dificultades que supón a adaptación das pólizas a parcelas de dimensión pequena.
Unións Agrarias lembra o carácter estratéxico, tanto dende o punto de vista socioeconómico como cultural e demográfico, que desempeña a viticultura na comarca Salnés. Unha zona caracterizada polas pequenas explotacións, que en moitos casos non contan coa cobertura dun seguro que os cubra ante episodios deste tipo. Neste sentido vai a trasladar ao Consello Regulador que dicte unha exención do pago das cotas aos viticultores afectados polas treboadas.
A organización lembra o papel fundamental que a viticultura social desempeña á hora de fixar poboación na zona. Unha actividade que representa o único activo económico existente en moitas áreas do rural galego. Nese senso, a organización fai un chamamento á responsabilidade e insta á Xunta de Galicia a non deixar a estes pequenos produtores na estacada e a prestarlles a axuda precisa para afrontar o custo económico desta treboada.


