O PARLAMENTO IMPULSARÁ A COMISIÓN DE ESTUDO RECLAMADA POR UNIÓNS AGRARIAS PARA MELLORAR A NEGOCIACIÓN E A FORMACIÓN DE PREZOS NO LÁCTEO

A organización reuniuse cos grupos parlamentarios de PP, PSdeG e BNG, favorables á creación do grupo de traballo

O Parlamento de Galicia impulsará a creación da Comisión de Estudo reclamada por Unións Agrarias co obxectivo de sentar as bases para unhas relacións máis xustas e igualitarias entre os distintos elos implicados na cadea do leite. A organización mantivo esta mañá unha rolda de xuntanzas cos grupos parlamentarios de PPdeG, PSdeG e BNG, que confirmaron o seu apoio á posta en marcha dun grupo de traballo que permita identificar problemáticas e impulsar as modificacións lexislativas necesarias para correxilas.

A comisión parlamentaria proposta por Unións Agrarias nace da vontade de conseguir que a situación vivida na última renovación de contratos, cunha rebaixa de prezos inxustificada imposta de xeito unilateral polas industrias, poida volver repetirse. Con ese obxectivo, e tras presentar as pertinentes denuncias na AICA galega e na estatal, na Fiscalía e na Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia. a organización agrogandeira leva traballando dende o 30 de marzo para facer posible a creación deste foro na Cámara galega.

Nas últimas semanas as inspeccións impulsadas pola Xunta de Galicia e o Ministerio a petición de Unións Agrarias están a constatar a realidade que a organización viña denunciando: un aumento masivo das importacións de leite de Francia e Portugal a prezos de derribo, que lles está valendo ás industrias para distorsionar o mercado e forzar unha rebaixa inaceptable no prezo que pagan ás granxas galegas polo leite.

Con ese traballo de investigación en marcha, o obxectivo é que o Parlamento poida incorporar as conclusións desas inspeccións e empregalas, xunto ás aportacións de expertos e representantes dos distintos organismos implicados, para darlle unha volta ás regras do xogo. «Queremos conseguir que o informe final desas inspeccións se traslade á Comisión e evitar que na próxima renovación de contatos volvamos estar na mesma tesitura», explica Unións Agrarias; que confía en conseguir introducir cambios no Paquete Lácteo ou na Lei de Cadea que permitan fortalecer o papel dos gandeiros na negociación, garantir a trazabilidade e a orixe España do leite envadado baixo esa etiqueta, evitar que as explotacións se vexan na obriga de tirar o leite se non existe un acordo coas condicións impostas polas industrias e garantir unha formación de prezos transparente e obxectiva.

Unións Agrarias confía en que o apoio amosado hoxe polos grupos parlamentarios permita que a Comisión funcionee como un órgano realmente útil dende o que traballar en positivo e de xeito construtivo polo futuro do sector, evitando que poida converterse nun intercambio de reproches partidistas. A organización lembra que en xogo está o futuro dun sector esencial para a economía e o rural galego e agarda contar coa participación de distribución e industrias.