UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA QUE NON SE PENALICE AOS BENEFICIARIOS DAS PACs PRESENTADAS LOGO DO 15 DE MAIO

A organización xa remitiu a Medio Rural a solicitude por escrito

Unións Agrarias solicita que as persoas solicitantes das PACs que se presenten entre o 15 e o 31 de maio non sufran a penalización que o regulamento estipula para as solicitudes rexistradas unha vez rematado o prazo ordinario. As incidencias técnicas que se veñen producindo nesta campaña teñen ralentizado de xeito considerable o ritmo de tramitación da mesma. Inconvintes derivados dos novos requerimentos esixidos ou por incidencias cuxas consecuencias en ningún caso debería pagar o sector produtor.

Igual que xa fixeron outras Comunidades Autónomas como Extremadura, Andalucía ou Aragón, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a realizar as modificacións necesarias para eliminar a redución do 1% que se aplica por cada día hábil de retraso que transcorra logo do fin do prazo da presentación da solicitude única da PAC. A organización entende que gandeiras e gandeiros non poden padecer as consecuencias das dificultades que os cambios introducidos nesta campaña están a xerar; polo que insta á administración autonómica a actuar para eliminar posibles penalizacións.

A realidade é que o ritmo de tramitación nesta campaña de solicitude non foi o desexado pola concorrencia de incidencias técnicas na aplicación de captura, incremento do tempo destinado a cada solicitante pola nova obriga de indicación do NIF dos recintos en réxime de arrendamento de máis de 1 hectárea ou as dúbidas dos produtores respecto da súa declaración de cultivos en zonas afectadas polas fortes borrascas do inverno.

Así as cousas, co obxectivo de que as persoas solicitantes das axudas da PAC poidan presentar as súas solicitudes de acordo co plan de cultivos reais, evitar incidencias nos futuros controis administrativos e de monitoraxe e non xerar agravios comparativos cos produtores doutros territorios, Unións Agrarias solicita que a Consellería do Medio Rural modifique a Orde do 13 de febreiro de 2026 de xeito que se eliminen as penalizacións por presentación logo do 15 de maio.