Arredor de 150 gandeiras e gandeiros reuníronse este martes na Gudiña para participar na Xornada sobre Gandeiría e Xestión do Territorio organizada por Unións Agrarias-UPA, coa colaboración de Sigfito e Agroseguro. Un encontro co que a organización quixo volver poñer en valor o imprescindible papel desta actividade na prevención de incendios e que aproveitou para solicitar á Xunta de Galicia a axilización do pago das axudas pola vaga de lumes do ano pasado.
Conseguir que o papel que a gandeiría desempeña na xestión do territorio e na prevención de incendios forestais sexa tido en conta e valorizado e aproveitar o coñecemento que produtores e produtoras teñen do territorio para incorporalos aos operativos de loita contra o lume é o obxectivo de Unións Agrarias-UPA. Unha pretensión que a organización leva tempo abandeirando e que tentará que a administración autonómica teña en conta.
Analizar as posibilidades dese papel central de gandeiros e gandeiras como xestores do territorio foi o eixo dunha xornada na que tamén se puxeron sobre a mesa outros aspectos e retos que afectan ao sector. A xornada contou cun variado programa de ponencias a través do que, da man de distintos expertos, se analizaron cuestións como o papel da PAC; a afectación de distintas doenzas que afectan á cabana gandeira, como a EHE, a dermatose nodular ou a lingua azul; ou o papel dos seguros agrarios.
Unións Agrarias volveu reivindicar a necesidade dunha actualización dos baremos que se aplican para a determinación da indemnización dos animais mortos. A organización entende que é urxente rematar coas diferentes valoracións que dan lugar ao sensentido que supón que unha res obteña unha compensación diferente dependendo da causa da súa morte. Nese senso, Unións Agrarias insta á administración a facer dunha vez os deberes para garantir que as explotacións obteñan sempre un prezo acorde ao valor de mercado dos animais perdidos; que permita compensar tanto o valor do animal como o lucro cesante e que homologue os pagos por enfermidade cos producidos pola fauna salvaxe.
















