A COLLEITA DE PATACA GALEGA AGARDA UNHA CAÍDA DUN 25%

A redución da produción polas fortes choivas foi cuberta por pataca de fóra

Santiago 22 de maio de 2026.- O sector da produción de pataca de Galicia agarda unha forte perda na colleita derivada das choivas rexistradas durante o inverno e que deixaron as terras alagadas durante meses. Segundo os datos do Ministerio de Agricultura, a colleita do 2025 foi un 25% máis baixa que a media dos últimos 5 anos e reduciuse máis dun 32% respecto da do ano 2024.

Para Unións Agrarias estes datos son especialmente preocupantes porque o oco que a pataca galega está deixando nas liñas de distribución está sendo aproveitado para introducir pataca de fóra, mesmo extracomunitaria. Neste sentido, desde a organización agraria quérese poñer en valor que a cadea Mercadona retirase da venda os tubérculos procedentes de Israel logo de ser advertida da grave situación que atravesan os produtores e as nefastas consecuencias que para o agro galego teñen estas prácticas comerciais.

Galicia produce 289.000 toneladas, o que representa o 15% de toda a produción española, para o que emprega preto de 18.000 hectáreas que supoñen o 28% do terreo dedicado no estado a produción pataqueira. Concellos como Xinzo de Limia, Betanzos ou Bergantiños aportan eles sós o 27% de toda a actividade no sector.

UUAA leva meses insistindo en que o sector produtor de pataca está padecendo unha situación complexa motivada pola baixa de prezos en orixe e o incremento de custos de produción polos conflitos bélicos (fertilizantes, combustibles, etc) que coincidiu cunhas adversidades meteorolóxicas que mantiveron anegadas gran parte das terras de cultivo durante meses. Neste contexto, e con cotizacións que en ocasións apenas superan os 12 cts/k, a organización reclama das administracións que vixíen a entrada de pataca de fora para evitar o incumprimento da Lei da Cadea alimentaria ante a sospeita de que se estea forzando aos produtores a vender a perdas.

Xa no mes de febreiro Unións Agrarias solicitara reunión do órgano colexiado da Mesa da pataca para que Administración, industria e  sector produtor con representación no Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, puideran analizar a situación que está padecendo o sector e propoñer solucións que deran cobertura a esta excepcionalidade e se aproben medidas que palíen a caída das rendas e produción nas explotacións.