UUAA VALORA POSITIVAMENTE A APERTURA DA COMISIÓN DE ESTUDO SOBRE O SECTOR LÁCTEO NO PARLAMENTO DE GALICIA

A organización agarda dos grupos políticos unha análise profunda e propostas de actuación que fagan viable a cadea de valor do leite

Santiago, 25 de maio de 2026.- A organización Unións Agrarias, valora moi positivamente o anuncio da posta en marcha da Mesa do Parlamento de Galicia da Comisión non permanente especial de estudo sobre os factores que inflúen sobre o prezo do leite en Galicia e a dificultade de aplicación práctica da normativa en contratación alimentaria no sector do leite.

Esta iniciativa promovida por UUAA ten como obxectivo sentar as bases para unhas relacións máis xustas e igualitarias entre os distintos elos implicados na cadea do leite. Con ese obxecitvo a organización mantivo xuntanzas cos grupos parlamentarios de PPdeG, PSdeG e BNG e logrou a unanimidade no apoio á posta en marcha dun grupo de traballo que permita identificar problemáticas e impulsar as modificacións lexislativas necesarias para correxilas.

A comisión parlamentaria proposta por Unións Agrarias nace da vontade de conseguir que a situación vivida na última renovación de contratos, cunha rebaixa de prezos inxustificada imposta de xeito unilateral polas industrias, poida volver repetirse. Con ese obxectivo, e tras presentar as pertinentes denuncias na AICA galega e na estatal, na Fiscalía e na Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia. a organización agrogandeira leva traballando dende o 30 de marzo para facer posible a creación deste foro na Cámara galega.

O obxectivo é que o Parlamento poida incorporar as conclusións das inspeccións que Xunta e Ministerio están a realizar tras ter denunciado Unións Agrarias entradas masivas en Galicia de leite foráneo a baixo prezo e empregalas, xunto ás aportacións de expertos e representantes dos distintos organismos implicados, para darlle unha volta ás regras do xogo. «Queremos conseguir que o informe final desas inspeccións se traslade á Comisión e evitar que na próxima renovación de contatos volvamos estar na mesma tesitura», explica Unións Agrarias; que confía en conseguir introducir cambios no Paquete Lácteo ou na Lei de Cadea que permitan fortalecer o papel dos gandeiros na negociación, garantir a trazabilidade e a orixe España do leite envasado baixo esa etiqueta, evitar que as explotacións se vexan na obriga de tirar o leite se non existe un acordo coas condicións impostas polas industrias e garantir unha formación de prezos transparente e obxectiva.

Unións Agrarias confía en que o apoio amosado polos grupos parlamentarios permita que a Comisión funcione como un órgano realmente útil dende o que traballar en positivo e de xeito construtivo polo futuro do sector, evitando que poida converterse nun intercambio de reproches partidistas. A organización lembra que en xogo está o futuro dun sector esencial para a economía e o rural galego e agarda contar coa participación de distribución e industrias.