OS GANDEIROS GALEGOS INGRESARÁN 17 MILLÓNS DE EUROS MENOS AO MES DEBIDO Á BAIXADA DE PREZOS IMPOSTA POLA INDUSTRIA

Unións Agrarias insta a realizar as modificacións lexislativas e a poñer en marcha os mecanismos e ferramentas precisos para garantir unha formación de prezos xusta, obxectiva e igualitaria para o leite. A publicación por parte do Ministerio dos datos relativos ao mes de abril confirma non só a baixada desorbitada e inxustificada imposta polas industrias na última renovación de contratos; senón tamén un trato desigual que aumenta a fenda entre o prezo do leite en Galicia e o do resto do estado e que deixa ás explotacións galegas 5 céntimos por debaixo da media de España.

Os datos publicados este martes polo Ministerio de Agricultura constatan unha baixada de 6,3 céntimos no prezo do litro de leite en Galicia. Unha redución do 12% que supón unha baixada nas cotizacións dos 52,4 céntimos/litro que as produtoras e produtores galegos viñan percibindo ata marzo ata os 44,10. Ademais, os datos corroboran unha diferenza de trato inaceptable que supón un aumento do diferencial entre o prezo do leite en Galicia e o das demais Comunidades Autónomas. «Se ata o de agora a diferenza respecto á media estatal era de 2 céntimos, esa fenda tense agrandado ata os 5 céntimos por litro en abril», explica a organización, que destaca que o desequilibrio pode chegar ata o 10 céntimo de diferenza respecto a Euskadi, 9,6 respecto a Valencia ou 8 Asturias.

Unións Agrarias considera totalmente inaceptable que Galicia, a Comunidade que produce máis leite e a que posúe o maior número de gandeiros do estado, sexa o territorio co que máis se ceba a baixada de prezo imposta polas indutrias. A organización chama a atención sobre a delicada situación na que quedan as explotacións galegas que teñen realizado un esforzo para incorporar melloras, adaptarse e aumentar a súa capacidade produtiva. E insta ás administración a realizar o cambios lexislativos necesarios para eliminar estas desigualdades e poñer en marcha mecanismos que permitan un deseño de prezos xusto, obxectivo e igualitario para o leite.

A baixada imposta polas indutrias na última renovación de contratos suporá unha redución dos ingresos menuais de 3.500 euros para cada explotación. 17 millóns de euros que o sector produtor galego cobrarán de menos respecto ao mes anterior sen razón que o xustifique.

Campaña PAC

Unións Agrarias tamén fai un chamamento para que se aproben dunha vez os cambios necesarios para simplificar a tramitación das solicitudes das axudas da Política Agraria Común. A organización considera abolutamente necesario mudar un sistema que obriga a un traballo desorbitado; un verdadeiro encaixe de bolillos que leva a un nivel de detalle innecesario nos datos a introducir e que complica sobremaneira a tramitación das solicitudes. «Isto non pode seguir así», asevera a organización, que insta a reducir a excesiva burocratización da tramitación.

Tralo peche o luns do prazo de presentación de solicitudes PAC, Unións Agrarias confírmase como a primeira entidade tramitadora con 5.150 solicitudes realizadas, o 24,11% do total das presentadas en Galicia.

Tras xestionar máis de 363.000 recintos e 125.000 hectáreas de superficie, presentar 31.450 fotografías xeoreferenciadas e introducir oss datos dos documentos de identidade de 29.000 propietarios de parcelas incorporadas ás solicitude en réxime de arrendamento, a organización fai fincapé na necesidade de realizar modificacións para impulsar unha tramitación máis sinxela e operativa.

O reparto da terra en Galicia caraterizado polo minifundismo leva a que a media de parcelas por solicitude PAC sexa de 70. Unha realidade que obriga a un traballo inxente; con algunhas solicitudes que superan as mil parcelas e case 150 que superan as 300 parcelas.

O 81,4% da solucitudes tramitadas por Unións Agrarias incorporaron algún ecorexime, entre os que destaca o pastoreo extensivo e a rotación de cultivos con especies mellorantes. A organización lamenta o mal deseño do ecorrexime da sega sostible, que peses a ter sido especificamente pensado para a Cornixa Cantábrica apenas está a ser demandado por non resultar atractivo nin adaptarse á realidade e ás necesidades das gandeiras e gandeiros galegos.

A organización fai un chamamento para blindar unha PAC que achegue orzamento a aquelas e aqueles que traballan a terra e xestionan territorio. E anima a continuar traballando para que as produtoras e produtores do norte deixen de ser os perxudicados no reparto.

A organización insta á Comisión a incrementar o orzamento destinado á PAC, unha política imprescindible para continuar garantindo o acceso da cidadanía a alimentos de calidade a prezos asequibles. Ademais, lembra a importancia do paquete destinado a medidas de desenvolvemento rural, «fundamentais para manter a xente no territorio». «Non podemos atender novas necesidades co mesmo orzamento», asevera Unións Agrarias, que insta a garantir o apoio que o sector agrogandeiro precisa para continuar producindo e reducir a dependencia de países extracomunitarios.