Santiago, 11 de xuño.- Unións Agrarias pide que se coloque aos gandeiros no centro do debate da Comisión de Estudo sobre os sector lácteo que hoxe se presenta no Parlamento de Galicia. Esta iniciativa, impulsada por UUAA, ten como obxectivo analizar os factores que inflúen no prezo do leite en Galicia e a dificultade de aplicación práctica da normativa en contratación alimentaria no sector lácteo.
Desde a organización agraria quérese poñer de manifesto a soidade que sufriron ata agora os produtores diante da impunidade e o abuso coa que a maioría das industrias aplicaban a súa política de contratos. Neste sentido, lembra que tiveron que ser os propios gandeiros, a través dos servizos xurídicos de UUAA, os que denunciaran, primeiro ante a CNMC e logo na Audiencia Nacional, o Cártel do Leite para poñer freo a unha política de concertación de prezos que só aos 6.200 gandeiros que defende UUAA no proceso, detraeron 625 millóns de euros das súas rendas. Esta iniciativa promovida por UUAA ten como obxectivo sentar as bases para unhas relacións máis xustas e igualitarias entre os distintos elos implicados na cadea do leite. A organización que mantivo xuntanzas cos grupos parlamentarios de PPdeG, PSdeG e BNG, logrou a unanimidade no apoio á posta en marcha dun grupo de traballo que permita identificar problemáticas e impulsar as modificacións lexislativas necesarias para correxilas.
A comisión parlamentaria proposta por Unións Agrarias nace da vontade de conseguir que a situación vivida na última renovación de contratos, cunha rebaixa de prezos inxustificada imposta de xeito unilateral polas industrias, poida volver repetirse. Con ese obxectivo, e tras presentar as pertinentes denuncias na AICA galega e na estatal, na Fiscalía e na Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia. Unións tamén reclama revisar a contratación láctea. Non abonda con que existan contratos asinados. Hai que comprobar se existe negociación real, se os prezos son verificables, se cobren custos, se as fórmulas de indexación son transparentes e se o produtor conta cunha garantía efectiva de recollida. Nun produto perecedoiro como o leite, sen garantía de recollida non hai verdadeira liberdade de negociación.
A organización pide, ademais, revisar a arquitectura interna do prezo: prezo base, primas de volume, primas de calidade, bonificacións comerciais e penalizacións. A Comisión debe comprobar se estes elementos responden a criterios obxectivos e verificables ou se introducen opacidade e diferenzas excesivas entre explotacións. Outro punto central é o futuro industrial. Galicia produce moito leite, o 42% do conxunto de España, pero non captura todo o valor que podería ao ter o leite líquido envasado un peso determinante na cadea de valor. Unións defende avanzar cara máis transformación, máis produtos de valor engadido, máis diferenciación e menor dependencia do modelo baseado no leite líquido de longa duración. Galicia non debe resignarse a ser só unha gran produtora de materia prima.
A Comisión tamén debe abordar os problemas estruturais do sector: perda de explotacións, falta de relevo xeracional, dificultade para contratar man de obra, acceso limitado á terra, carga burocrática, necesidade de investimentos e sustentabilidade das explotacións. Sen explotacións viables, sen xente nova que queira incorporarse e sen territorio activo, non hai futuro lácteo.


