Santiago, 16 de xuño de 2026.- Unións Agrarias-UPA insta á Xunta de Galicia a dar un paso adiante e actuar ante a rápida e incontrolable expansión da praga do verme soldado. Con máis da metade da superficie que Galicia destina á plantación de millo afectada, a organización reclama a intervención da administración para procurar medidas efectivas para atallar o mal, compensar os danos e evitar posibles penalizacións na PAC.
Non é este o primeiro ano que o verme soldado (Mythimna unipuncta) actúa nos campos de millo de Galicia. Desde que os ataques deste insecto comezaron a documentarse nos anos 90 a afectación foise propagando dende a costa cara ao interior, estendéndose sen control pola Costa da Morte, Terra de Soneira, Bergantiños, Xallas, Ordes e A Barcala.
Neste momento, con aproximadamente o 70% da superficie destinada a millo desas comarcas afectada e coa praga comezando tamén a proliferar no Deza, Unións Agrarias reclama a intervención da Xunta de Galicia para buscar solucións a un mal que ameza con mermar moi significativamente a capacidade de autoabastecemento das explotacións e aumentar o custo da alimentación do gando.
Se ben ata o de agora a aplicación de fitosanitarios conseguiu ir atallando esta praga, este ano os produtores enfrontan a situación cunha preocupación crecente. Os tratamentos de contacto teñen unha efectividade limitada, pois aínda que eliminan os vermes vivos non destrúen o ovos, que quedan nas plantas e eclosionan, dando lugar a novos ataques. Isto ten levado a un uso de tratamentos sistémicos que, a pesar de ser máis letais, non poden empregarse indiscriminadamente e contan cun límite de aplicacións permitidas; tras as cales os insectos están volvendo a aparecer nas fincas.
Ante o que a todas luces semella unha situación moi difícil de controlar e solucionar, Unións Agrarias insta á Consellería a habilitar mecanismos que permitan paliar o aumento de custos de produción das granxas e axudar a enfrontar o gasto extraordinario que este ano lles suporá a alimentación do gando.
A organización tamén reclama que esta praga se inclúa nas coberturas dos seguros agrarios, e solicita o apoio da administración para procurar posibles solución para poñer couto ao que xa é un problema recorrente, que vai a máis, e que sector produtor e empresas de servizos non son quen de atallar cos medios dispoñibles. Alén diso, Unións demanda responsabilidade e comprensión para evitar que a situación poida implicar posibles penalizacións nas axudas que as explotacións perciben da Política Agraria Común.
O devastador ataque do verme soldado chega nun momento especialmente delicado para o sector produtor galego, tras a forte rebaixa do prezo do leite imposta polas industrias na última renovación de contratos e cos custos de produción á alza a raíz da guerra de Irán.


