UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA UN CAMBIO NO MODELO DE PREVENCIÓN DOS DANOS DO XABARIL

Solicítalle á Xunta unha emerxencia cinexética preventiva e un plan coordinado cos TECOR para frear os danos no millo

Unións Agrarias reclama á Consellería de Medio Ambiente un cambio de método na xestión dos danos provocados polo xabaril nos cultivos de millo. A organización insta á administración a liderar unha acción coordinada cos tecores que incida na prevención e permita anticiparse aos cuantiosos danos que o sector produtor enfronta ano tras ano. Unha proposta que xa trasladou por escrito á xunta de Galicia, e que agarda sirva de revulsivo para a urxente convocatoria dunha mesa de traballo.

Declaración da emerxencia cinexética durante os meses do verán e elaboración de plans de prevención calendarizados e elaborados con anticipación polos tecores das zonas nos que se concentra unha maior superficie de cultivo de millo e nas que se veñen rexistrando máis danos a causa do xabaril. Son as propostas que Unións Agrarias pon sobre a mesa para enfrontar un problema estrutural e recorrente que cada ano supón danos por valor de 14 millóns de euros para o sector produtor galego.

A organización reclama, en primeiro lugar, que a Xunta valore a declaración dunha emerxencia cinexética temporal ou dunha medida excepcional equivalente nas zonas máis afectadas, con finalidade preventiva e non só reactiva. Esta ferramenta sempre se utilizou en paralelo coa tempada de caza, pero nunca no periodo inhábil, que é cando se dan os danos no millo, como pide agora Unións.

A organización reclama ademais á Xunta que sente aos TECOR, Concellos das zonas libres de caza e representantes das explotacións afectadas para poñer en marcha de inmediato un plan preventivo de danos no millo, con actuacións en xullo e agosto. Ese plan debe incluír cartografía de risco, calendario operativo por zonas, medidas disuasorias, deslocalización de mandas con cans en manchas de proximidade aos cultivos, accións puntuais de caza (batidas, esperas) onde sexa preciso, e incorporar accións piloto con capturadeiros con gaiolas-trampa sen custo para o afectado polos danos, así como seguimento público das actuacións realizadas.

O obxectivo non é actuar tarde, cando o xabaril xa entrou no millo, senón desprazar e reducir a presión das mandas antes de que o cultivo volva ser vulnerable, con dirección técnica e  coordinación da Xunta.

“Non podemos seguir indo por detrás do problema. Non se pode esperar a que haxa danos masivos para abrir expedientes e pagar compensacións parciais. O rural necesita prevención, coordinación e resultados. A convivencia entre agricultura, gandería e fauna cinexética só será posible se hai un cambio de método que rompa a tendencia ascendente da última década: actuar antes, actuar mellor e actuar coordinadamente”, conclúe Unións Agrarias.

Os datos da propia administración amosan que o problema non está controlado. No conxunto de Galicia, os avisos por danos pasaron de 3.022 na tempada 2018/19 a 4.269 entre 2024 e 2025. Un incremento superior ao 40% en apenas 6 tempadas. Na provincia da Coruña rexistráronse 1.237 avisos na última tempada recollida, despois de acadar 1.411 na 2023/24. Unha cifras que, para Unións Agrarias, confirman que non estamos ante episodios illados, senón ante unha tendencia estrutural.

Como amosan as queixas dos últimos días en moitas zonas e comarcas de Galicia ante os destrozos do xabaril na sementeira do millo, cada ano hai máis presión sobre os cultivos, máis presenza de mandas no contorno das explotacións e máis preocupación no rural. A solución non pode ser resignarse a ir a peor campaña tras campaña, nun contexto no que hai menos relevo no colectivo cazador, menos motivación para asumir voluntariamente unha carga cada vez maior, e máis xabarís movéndose polos montes, estradas e zonas agrarias.

Asemade a propia Xunta recoñece tamén que se incrementaron as xornadas hábiles de caza nun 41% e o esforzo de caza nun 12%, con 15.573 accións executadas na tempada 2024/25. A pesar diso, os avisos por danos seguen en niveis moi elevados. Isto demostra que non chega con abrir máis días ou cargar máis responsabilidade sobre os TECOR: fai falta dirección, coordinación e planificación.

Unións Agrarias considérao claro: “fai falta un director de orquestra e unha partitura”. O director de orquestra debe ser a Xunta, exercendo un papel coordinador real entre TECOR, agricultores, gandeiros, axentes ambientais e servizos técnicos. A partitura debe ser un plan de prevención de danos, con zonas marcadas, calendario, medios, responsables e avaliación de resultados. Os meses de xullo e agosto deben ser meses de prevención activa, e non un tempo morto coa excusa de que o xabaril reduce temporalmente os ataques directos ao millo, ata que ten espiga madura.