UNIÓNS AGRARIAS PIDE AO MINISTERIO LOITAR CON DRONS CONTRA O VERME SOLDADO

Na reunión con Medio Rural a organización xa puxera esta solución sobre a mesa

Santiago 26 de xuño de 2026.- Representantes de Unións Agrarias-UPA levarán á reunión que manteñen na mañá de hoxe no Ministerio de Agricultura a necesidade de que se autorice o uso de drons contra a praga do verme soldado que está a ameazar os cultivos forraxeiros de Galicia. O punto de partida é que o millo forraxeiro en Galicia, cun 70.000 h é un cultivo estratéxico para a base gandeira, e estase a detectar unha incidencia crecente do verme soldado e outros defoliadores que xa están a xerar perdas produtivas relevantes en determinadas zonas. Este problema dispón de solucións técnicas xa que existen produtos fitosanitarios eficaces e tamén existe tecnoloxía de aplicación mediante drons, que neste contexto territorial —parcelamento moi fragmentado, humidade do chan e dificultades de acceso— pode ser mesmo máis eficiente que os sistemas convencionais.

Para UUAA o bloqueo actual para estas aplicacións con drons, non é agronómico nin tecnolóxico, senón de encaixe regulatorio. Hoxe atopámonos con tres capas que non están suficientemente aliñadas: o MAPA, que define o produto, o seu uso fitosanitario e a posibilidade de aplicalo con dron; a Xunta de Galicia, que autoriza a aplicación no territorio; e AESA, que regula a operación do dron como aeronave. Cada unha destas capas funciona correctamente de forma individual, pero non existe un marco integrado que permita executar unha campaña de control fitosanitario con drons de forma áxil e controlada cando hai unha situación de praga.

Unións Agrarias solicita habilitar, mediante autorización excepcional e con control técnico, unha campaña piloto en Galicia para o control do verme soldado en millo mediante drons, con rastrexabilidade completa, operadores certificados e condicións ambientais estritas. Por iso, solicitamos do Ministerio de Agricultura, para esta campaña en Galicia, unha actuación concreta, urxente e limitada ao imprescindible, en base a tres parámetros:

Primeiro, que o MAPA determine e habilite de forma inmediata os produtos fitosanitarios eficaces para o control do verme soldado ou verme defoliador en millo, con indicación expresa dos produtos, doses, condicións de uso e ámbito de aplicación. Segundo, que, se os produtos actualmente rexistrados non permiten aplicación aérea, o Ministerio active unha autorización excepcional para esta campaña, ao amparo do artigo 53 do Regulamento 1107/2009, incorporando expresamente a posibilidade de aplicación mediante UAS/drons en millo en Galicia. Terceiro, que esa autorización non se limite a recoñecer o produto, senón que inclúa claramente o modo de aplicación mediante dron, porque ese é o punto que desbloquea a actuación.

Sen esa mención expresa, a Xunta pode atoparse sen base suficiente para autorizar os tratamentos en campo. Cuarto, que o Ministerio emita un criterio técnico urxente para que a Xunta de Galicia poida tramitar a autorización dos tratamentos aéreos excepcionais de forma áxil, en formato de campaña ou zona afectada, e non exclusivamente parcela a parcela. Quinto, que o MAPA coordine coa Xunta de Galicia a delimitación de zonas afectadas, os limiares de intervención, as condicións ambientais e o seguimento técnico, de forma que a autorización sexa controlada, trazable e xuridicamente segura. E sexto, que se designe un interlocutor técnico do Ministerio para pechar coa administración autonómica e co sector o encaixe do expediente, porque a marxe útil de actuación en millo é curto e a resposta ten que ser de campaña, non de reforma a longo prazo. A petición, por tanto, é moi concreta: que o Ministerio habilite produto e vía de aplicación UAS/dron para esta campaña en Galicia. Despois corresponderá á Xunta autorizar a aplicación territorial concreta e aos operadores cumprir a normativa de AESA, pero o primeiro bloqueo que necesitamos que levante o MAPA é o fitosanitario: produto, uso e aplicación aérea mediante dron.