Unións Agrarias organizou esta mañá un acto informativo no que as persoas titulares de explotacións agrogandeiras puideron coñecer de primeira man os detalles da liña de axudas para a rehabilitación de vivendas destinadas a traballadores impulsada polas Consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. O titular da primeria delas, José González Vázquez, foi o encargado de explicar e respostar as dúbidas dos e das asistentes en relación a un plan que pode ser de gran utilidade para resolver o problema de falla de man de obra que afecta ao sector primario, así como para combater o abandono e fomentar o asentamento de poboación no medio rural.
A carencia de vivendas debidamente acondicionada para aluguer é un factor que, a día de hoxe, xoga en contra da contratación do persoal que as granxas galegas precisan. Poñerlle solución é o obxectivo dunhas axudas que buscan devolver vida aos pequenos núcleos mediante a rehabilitación de vivendas e aportar unha solución de habitabilidade de calidade para as e os traballadores interesados en apostar por un proxecto de vida ligado ao rural.
Titulares de explotacións interesados nesta solución participaron esta mañá no acto informativo organizado por Unións Agrarias en Santiago de Compostela para coñecer os detalles dun plan a través do que a Xunta de Galicia aportará ata 50.000 euros para a posta a punto dunhas vivendas que deben estar en concellos de menos de 20.000 habitantes e situarse nun radio de 15 quilómetros respecto ao centro de traballo. A sesión repetirase mañá xoves ás 17 h. en Lugo.
Podes consultar a presentación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración









