UNIÓNS AGRARIAS URXE A REAPERTURA DAS EXPORTACIÓNS DE VACÚN A MARROCOS

Denuncia unha caída na marxe de rendabilidade das explotacións e insta a traballar na diferenciación e revalorización da carne de Suprema

Unións Agrarias denuncia a preocupante situación que atravesan as explotacións de carne de vacún e reclama medidas que permitan incrementar a súa marxe de rendabilidade. A suba dos custos de produción derivada da guerra en Irán e a caída de prezos propiciada pola desestabilización do mercado estatal que ten provocado a paralización das exportacións a Marrocos forman un tándem ante o que a organización insta a actuar sen demora.

Unións Agrarias pídelle á Xunta de Galicia que dea un paso adiante para reclamarlle ao Ministerio o impulso inmediato das medidas necesarias para reactivar as exportacións de carne a Marrocos. A organización, que xa solicitou ao Goberno central que apure as negociacións para que o país veciño comece a aplicar o principio de rexionalización e permita así a entrada de carne, paralizada desde 2025, entende que o sector non pode continuar agardando. Nese senso, solicita a implicación do Goberno autonómico para tentar apurar unhas conversas que, en principio e segundo os prazos aportados por Madrid, non se retomarían ata outubro.

En 2024 España exportou a Marrocos 61.715 cabezas de máis de 300 quilos (o 52% do total de exportacións en vivo). En 2025 a cifra foi de 51.986 cabezas (64% do total). E en 2026, esta cifra é cero. Unha situación derivada do peche decretado polo goberno marroquí como prevención sanitaria ante a aparición da dermatose nodular contaxiosa en Cataluña a finais do ano pasado que está obrigando ao mercado estatal, xa lastrado por unha caída no consumo de carne, a asumir ese exceso de oferta; causando unha caída do prezo da carne en orixe que se sitúa no entorno dos 60 céntimos/quilo.

De calquera xeito, Unións Agrarias lembra que a solución que as produtoras e produtores galegos precisan pasa pola promoción, a revalorización e a procura de novos mercados para a carne de Suprema. A diferenza de prezo entre a produción que realizan as explotacións familiares tradicionais en extensivo e a carne de cebadoiro reduciuse nos últimos anos, pasando dun 10% en 2023 ao 4% actual. «Temos un sistema de produción totalmente diferenciado e de calidade, baseado no territorio e no benestar animal, e iso debe recoñecerse, divulgarse e poñerse en valor para conseguir un prezo diferenciado ante outro tipo de carnes», explica a organización, que insta á Indicación Xeográfica Protexida e á Xunta de Galicia a traballar nese sentido. «Cada vez estamo vendendo máis carne da IXP dentro de Galicia, e iso é un problema. Estamos perdendo a oportunidade de situarnos noutros mercados con maior poder adquisitivo que nos permitan incrementar o prezos e darlle á Suprema o valor que ten».

Unións Agrarias reitera a necesidade de que a PAC inclúa un Ecorexime específico que recoñeza o papel medioambiental que desempeñan as explotacións tradicionais. A organización incide no labor ambiental, na xestión do territorio e na actividade preventiva que a gandeiría tradicional desenvolve no que ten que ver coa loita contra o lume. «Iso hai que comezar a contemplalo na PAC para que a axudas vaian a quen vive, traballa e xestiona territorio no rural», asevera a organización.

O número de explotacións incritas na IXP Ternera Gallega reduciuse en 400 no último ano, pasando de 7.942 en 2024 a 7.554 en 2025.