UNIÓNS AGRARIAS SOLICITA A COLABORACIÓN DA XUNTA PARA QUE SE AUTORICE A APLICACIÓN DE FITOSANITARIOS CON DRONS

A organización ve necesario habilitar con urxencia solucións para os viñedos da Ribeira Sacra e para loitar contra o verme soldado

Santiago, 22 de xullo de 2026.- Unións Agrarias-UPA mantivo hoxe unha xuntanza coa conselleira do Medio Rural para trasladarlle as súas demandas en relación á posibilidade de aplicar tratamentos fitosanitarios con drons. A organización solicita a colaboración da administración autonómica para defender ante o Ministerio de Agricultura unha posición galega clara que aporte solucións viables ante casos de especial complicación, como a propagación da praga do verme soldado ou a viticultura heroica da Ribeira Sacra.

Unións Agrarias entende que, nun territorio como o galego, marcado polo minifundio, a dispersión e por unha orografía complexa, o emprego de drons constitúe unha alternativa útil e eficaz que pode e debe empregarse, especialmente en casos de aparición de pragas emerxente ou en cultivos nos que a aplicación convencional está a presentar límites evidentes.

“Non se está propoñendo empregar máis produtos fitosanitarios nin modificar os obxectivos europeos de redución do seu uso, nin tampouco substituír a loita integrada contra as pragas. O que se propón é mellorar o xeito de aplicación: conseguir co mesmo produto ou menos unha aplicación máis eficaz, con menor deriva e máis seguridade para os traballadores, os cultivos e o medio ambiente”, explica Unións Agrarias.

Se ben a día de hoxe a aplicación aérea está prohibida con carácter xeral, a normativa admite a autorización de excepcións nos casos nos que non exista alternativa viable. Unha vía que Unións Agrarias insta a empregar para aportar solucións de xeito inmediato en tanto non é posible modificar o marco legal europeo que frea o emprego de drons por equiparalos á aviación convencional.

“O que solicitamos é que a estratexia inmediata se formule non como unha autorización xeral para os drons, senón como a tramitación de expedientes concretos con produto, cultivo praga, zona, prazo e condicións técnicas claramente delimitadas”, explica a organización agrogandeira; que busca aportar seguridade xurídica e desbloquear as complicacións que o sector está a enfrontar.

Así, Unións Agrarias solicitou á Xunta unha posición común de Galicia ante o Ministerio de Agricultura baseada en dous compromisos: defender en Bruxelas unha actualización normativa que diferencie os drons da aviación agrícola convencional e recoñeza o seu carácter de ferramenta de precisión cando se apliquen baixo condicións técnicas estritas; e, mentres ese cambio non chega, utilizar con decisión e seguridade xurídica as excepcións que xa permite a normativa vixente.

Viticultura heroica e millo forraxeiro

O primeiro ámbito prioritario no que é necesario contar coa posibilidade do emprego de drons é a Ribeira Sacra. Unións Agrarias lembra que a aplicación manual de tratamentos en viñedos de forte pendente supón riscos laborais evidentes, exposición directa dos traballadores, dificultades de execución e perda de eficacia nos tratamentos. Ademais, a falta de man de obra e o incremento dos episodios de calor fan cada vez menos razoable manter como solución ordinaria a aplicación manual en determinadas parcelas. “Neste caso, o uso de drons permitiría mellorar a seguridade, reducir tempos de traballo, diminuír o volume de caldo empregado, actuar con maior rapidez fronte a enfermidades como o mildio e deixar trazabilidade dixital das aplicacións”, expón a organización. 

No que respecta ao millo forraxeiro, Unións Agrarias lembra que a propagación da praga do verme soldado supón un reto que non está a ser posible combater con éxito cos medios actualmente dispoñibles. A incidencia desta praga é particularmente problemática cando o millo xa acadou unha altura que dificulta ou impide a entrada de maquinaria sen causar danos no cultivo; co que a alternativa vese reducida a aplicacións desde as beiras con canóns pulverizadores, con menor eficacia e maior risco de deriva; ou á aplicación manual, que non pode considerarse unha solución razoable para superficies agrarias reais. Ademais, se a praga non se controla correctamente e quedan individuos reprodutores dunha campaña para outra, a presión da praga pode ir en aumento.