Garantir que o que aconteceu na renovación de contratos de abril, cunha forte baixada de prezos imposta pola industria sen razóns de mercado, volva repetirse. Ese é o obxectivo que persegue Unións Agrarias e que a organización quere acadar co desenvolvemento da Comisión especial de estudo sobre o prezo do leite posta en marcha polo Parlamento de Galicia. Así o demandou esta mañá o secretario xeral, Roberto García, na que foi a primeira das comparecencias prevista nun foro que Unións Agrarias aspira que permita non só «diagnosticar un problema xa ben coñecido, senón poñer en marcha medidas concretas, ben deseñadas e orzamentadas, que teñan unha incidencia real na próxima negociación de contratos».
Rematar coas desigualdades na cadea do leite, blindar a negociación colectiva e os dereitos do sector produtor. Son as premisas arredor das que Unións Agrarias insta aos grupos con representación no Parlamento galego a acadar un consenso que se traduza en accións, ferramentas e modificacións lexislativas concretas.
O día 1 de abril as industrias forzaron unha forte baixada de prezos nun momento de aumento de custos e sen que houbese ningunha razón de mercado para elo. E fixérono na Comunidade que xa tiña o prezo máis barato de España e mentres publicaban resultados con beneficios históricos, furtando das rendas das explotacións lácteas 19 millóns de euros ao mes. Unha realidade que se produce a pesar das modificacións introducidas na Lei de Cadea Alimentaria para rematar coa venda a perdas e pasando por enriba das organizacións de produtores e a negociación colectiva.
Conseguir que o marco legal vixente deixe de ser unha mera declaración de intencións e dispoña das ferramentas necesarias para facelo efectivo é o que Unións Agrarias pretende conseguir coa Comisión de estudo parlamentaria inaugurada este martes. Un instrumento do que a organización aspira a conseguir o máximo consenso: non só dos grupos políticos, senón tamén das industrias e da distribución.
«Tendo ben claro cales son os problemas, é necesario implementar medidas que corrixan a debilidade do sector produtor na cadea», demandou o secretario xeral da organización, que instou aos grupos a traballar por enriba de siglas e antepoñendo o interese do sector produtor.
Unións Agrarias insta a tomar exemplo do modelo francés para implementar canto antes a figura do mediador; evitar a posibilidade de que as industrias asinen contratos individuais con gandeiros que formen parte dunha organización de produtores; e evitar que a recollida do leite poida paralizarse nos casos nos que non exista un acordo para a renovación das condicións contractuais. «Necesitamos fortalecer a posición dos gandeiros e gandeiras e regular para blindar a negociación colectiva e aumentar a estabilidade e seguridade do sector», demanda a organización; que tamén insta a poñer en marcha un Observatorio de Custos e a converter os resultados da Conta Láctea en referencias que permitan trazar liñas vermellas á hora de establecer prezos.
«Necesitamos contar con ferramentas que garantan unha formación de prezos transparente para que as baixadas ou subas se realicen dacordo con datos obxectivos e non de maneira arbitraria como ata o de agora», asevera a organización.
Alén das medidas para mellorar a negociación e a formación de prezos no curto prazo, Unións Agrarias destacou a necesidade de implementar accións para garantir o relevo xeracional e fixar poboación, impulsando servizos e calidade de vida e implementando equipos de substitución para mellorar as condicións laborais e suplir a carencia de persoal que afecta ás explotacións.


