UNIÓNS AGRARIAS INSTA A ACTUAR ANTE OS DANOS DA FAUNA SALVAXE NA UVA DO RIBEIRO

Reclama medidas preventivas e unha actuación coordinada para evitar que os ataques do xabaril se intensifiquen a medida que avance a maduración da colleita

Ourense, 29 de xullo de 2026 – Unións Agrarias está a recibir nas súas oficinas comarcais do Ribeiro as primeiras queixas de viticultores pola entrada de mandas de xabarís nos bancais e nas parcelas de viñedo.

Os animais comezan xa a provocar danos na colleita, especialmente as femias acompañadas de crías, que derruban os acios ou tiran as uvas ao chan para alimentarse dos froitos que van alcanzando un maior grao de maduración.

A organización agraria advirte de que esta situación previsiblemente irá a máis durante as próximas semanas, a medida que aumenten a madurez e o contido en azucre da uva. O risco é especialmente elevado este ano, xa que as condicións climáticas apuntan a un posible adianto da vendima, aínda que quedan varias semanas para o inicio xeneralizado da colleita.

As entradas de xabarís están a producirse en practicamente todos os concellos da comarca amparados pola Denominación de Orixe Ribeiro. A situación administrativa dos terreos non é homoxénea en todas as zonas afectadas.

No concello de Beade existen áreas sometidas ao réxime cinexético común, mentres que a maior parte das restantes parcelas afectadas se atopan dentro de terreos cinexeticamente ordenados, os denominados TECOR.

Nas zonas de réxime cinexético común correspóndelle á Xunta de Galicia adoptar as medidas necesarias para o control das poboacións de fauna salvaxe e para a prevención dos danos nos cultivos. Nos terreos incluídos en TECOR, esta responsabilidade debe ser asumida polas correspondentes sociedades de caza, en coordinación coas persoas titulares das explotacións afectadas e coa Administración autonómica.

Ante esta situación, Unións Agrarias considera imprescindible poñer en marcha canto antes actuacións cinexéticas preventivas que eviten a reiteración e a escalada dos danos nas parcelas. A organización insta os TECOR, as sociedades de caza e os cazadores autorizados a colaborar activamente na protección dos viñedos.

Ao mesmo tempo, reclama á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que facilite a coordinación entre cazadores, sociedades de caza e persoas afectadas, e que axilice a autorización das accións de control que sexan solicitadas.

En concreto, Unións Agrarias demanda que a Xunta planifique medidas de control poboacional e de prevención de danos nas zonas de réxime cinexético común de Beade. Reclama tamén que se establezan contactos cos TECOR das demais áreas afectadas para deseñar unha estratexia coordinada que permita anticiparse aos previsibles ataques que se producirán a medida que avance a maduración da uva.

A organización lembra que a viticultura é unha das poucas actividades agrarias que continúan xestionando de maneira activa unha parte importante do territorio da provincia de Ourense. A produción de leite practicamente desapareceu, a gandería de carne perde actividade ano tras ano e o peso da actividade forestal ourensá continúa sendo reducido dentro do conxunto galego.

Por este motivo, Unións Agrarias considera fundamental protexer a produción de uva, garantir a rendibilidade das explotacións vitícolas e evitar que os danos provocados pola fauna salvaxe aceleren o abandono das parcelas.

Manter os viñedos en produción non só resulta esencial para a economía da comarca e para o futuro da Denominación de Orixe Ribeiro, senón tamén para conservar a paisaxe, reducir a acumulación de biomasa, contribuír á prevención dos incendios forestais e protexer un territorio especialmente vulnerable ao abandono.