Santiago, 30 de xullo de 2026.- Unións Agrarias-UPA denuncia a preocupante situación que enfrontan os produtores de vacún e insta ás administracións a mover ficha para correxir a caída do prezo da carne. A organización fai un chamamento para que as negociacións con Marrocos se retomen coa máxima urxencia para que a reapertura do principal destino de reses españolas poida ser unha realidade canto antes.
Unións Agrarias amosa a súa preocupación ante a caída que o prezo da carne de vacún ven rexistrando desde o mes de marzo. Unha devaluación que rolda os sesenta céntimos por quilo e tras a que, ademais das dificultades que está a provocar o peche do mercado marroquí, se sitúa a presión exercida pola carne a baixo prezo de Polonia e Alemaña.
En 2024 España exportou a Marrocos 61.715 cabezas de máis de 300 quilos (o 52% do total de exportacións en vivo). En 2025 a cifra foi de 51.986 cabezas (64% do total). E en 2026, esta cifra é cero. Unha situación derivada do peche decretado polo goberno marroquí como prevención sanitaria ante a aparición da dermatose nodular contaxiosa en Cataluña a finais do ano pasado que está obrigando ao mercado estatal, xa lastrado por unha caída no consumo de carne, a asumir ese exceso de oferta.
Unións Agrarias insiste na necesidade de que o Ministerio retome canto antes as negociacións para conseguir que Marrocos aprobe a rexionalización e permita así a entrada de carne de zonas de España que, como Galicia, non están afectadas pola dermatose.
Porén, non estamos ante un problema local: a caída do prezo da carne de vacún afecta ao conxunto de Europa e ten que ver cun resentimento do consumo, coa acumulación e as dificultades para dar saída a animais pesados e coa presión exercida pola carne barata alemana e polaca.
Á entrada de canais de Polonia a baixo prezo no mercado español sumouse nos últimos meses a procedente de Alemaña; un fluxo que non viña sendo habitual e que ten que ver co insuficiente consumo interno dese país.
Contrariamente ao que algunhas voces están transmitindo á opinión pública, os datos demostran que a caída do prezo da carne non se produce a raíz da entrada en vigor do acordo co Mercosur. Se ben non foi ata xuño que comezou a chegar ao mercado europeo o continxente de carne con arancel reducido, os descensos no prezo do vacún español comezaron a sentirse xa a comezos de marzo. Compre lembrar ademais que as importacións de carne brasileña non se inician co novo pacto; son unha realidade que viña de antes e a cuxo volume non afecta o acordo, que unicamente establece un arancel reducido (do 20 ao 7,5%) para 11.000 quilos. Unha cantidade a partir da cal a carne procedente do Mercosur volve a pagar a taxa habitual para acceder ao mercado europeo.
De calquera xeito, Unións Agrarias lembra que a solución que as produtoras e produtores galegos precisan pasa pola promoción, a revalorización e a procura de novos mercados para a carne de Suprema. A diferenza de prezo entre a produción que realizan as explotacións familiares tradicionais en extensivo e a carne de cebadoiro reduciuse nos últimos anos, pasando dun 10% en 2023 ao 4% actual. «Temos un sistema de produción totalmente diferenciado e de calidade, baseado no territorio e no benestar animal, e iso debe recoñecerse, divulgarse e poñerse en valor para conseguir un prezo diferenciado ante outro tipo de carnes», explica a organización, que insta á Indicación Xeográfica Protexida e á Xunta de Galicia a traballar nese sentido.
Unións Agrarias reitera ademais a necesidade de que a PAC inclúa un Eco-rexime específico que recoñeza o papel medioambiental que desempeñan as explotacións tradicionais. A organización incide no labor ambiental, na xestión do territorio e na actividade preventiva que a gandeiría tradicional desenvolve no que ten que ver coa loita contra o lume; factores que reclama que sexan tidos en conta na Política Agraria Común.


